A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria dos peóns na estrada autonómica LU-530 ao seu paso por Castelo, no concello de Lugo

Nesta actuación, na que a Xunta investirá en total 132.000 euros, inclúese unha senda peonil, dous novos pasos de peóns e o reforzo da sinalización

A actuación que se inicia forma parte da primeira fase de melloras da seguridade viaria nesta estrada autonómica, dando cumprimento a Xunta ao comprometido cos veciños

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2025

A Xunta vén de iniciar as obras de mellora da seguridade viaria dos peóns na estrada autonómica LU-530 a seu paso por Castelo, no concello de Lugo.

Trátase da primeira fase das obras de mellora da seguridade, que no seu conxunto suporán un investimento total de 132.000 euros, e na que se contempla a adecuación de varios tramos dunha senda peonil e a implantación de dous novos pasos de peóns nos puntos quilométricos 1+640 e 2+060 desta vía, na contorna das paradas de transporte público recentemente acondicionadas pola Xunta en Castelo.

No relacionado coa senda peonil, e co ánimo de axilizar ao máximo os traballos, nesta primeira fase acondiciónanse tamén os tramos imprescindibles para poder implantar os pasos de peóns. Isto suporá adecuar tres tramos de senda, que suman uns 360 metros de percorrido.

Na intervención contemplase, así mesmo, a instalación de balizas cilíndricas reflectoras, para favorecer que os condutores visualicen mellor a separación carril-beiravía e diminúan a velocidade, e reforzarase tanto a sinalización horizontal como a vertical, coa colocación de carteis luminosos, co obxectivo de transmitir aos usuarios da vía que circulan por un tramo de estrada de características singulares e que, polo tanto, deben adecuar a súa condución a esas circunstancias.

Nesta primeira fase das obras de mellora da seguridade viaria peonil na LU-530, o departamento que dirixe María M. Allegue dá cumprimento ao comprometido  pola Xunta na reunión mantida cos veciños o pasado mes de xaneiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2025