Medio Rural colabora coa Fundación María José Jove para crear conciencia sobre a importancia dos bosques autóctonos na loita contra o cambio climático

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo vén de acoller a presentación do proxecto Reverdecer: ecofisioloxía vexetal e concienciación para a conservación dos bosques autóctonos

A xornada contou coa presenza do doctor Timothy C. Marzullo, neurocientífico con máis de dúas décadas de experiencia na enxeñaría neuronal

No marco desta iniciativa no vindeiro mes de novembro está prevista unha conferencia sobre neurobioloxía vexetal e comunicación multiespecie impartida polo científico František Baluška

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de acoller a presentación do proxecto Reverdecer: ecofisioloxía vexetal e concienciación para a conservación dos bosques autóctonos, un programa de divulgación científico-artístico-social que forma parte dun acordo de colaboración entre a Fundación María José Jove e a Axencia. O obxecto desta iniciativa é achegar ao público xeral conceptos como a sensibilidade e a intelixencia vexetal, e crear conciencia sobre a importancia dos bosques autóctonos na loita contra o cambio climático.

A iniciativa materialízase en catro actuacións coordinadas e desenvolvidas polo CFEA de Guísamo e o Centro de Arte Fundación María José Jove. A xornada contou coa presenza do doctor Timothy C. Marzullo, neurocientífico con máis de dúas décadas de experiencia na enxeñaría neuronal. Marzullo impartiu unha clase centrada nos últimos avances en ecofisioloxía vexetal e na resposta dos vexetais aos estímulos externos en forma de impulsos eléctricos. Así, amósase a importancia da intelixencia vexetal e o seu papel para garantir o equilibrio dos ecosistemas.

Un programa con catro accións

Dentro das catro accións integradas nesta iniciativa, no vindeiro mes de novembro está prevista unha conferencia sobre neurobioloxía vexetal e comunicación multiespecie. O faladoiro será impartido polo científico František Baluška, investigador do Instituto de Bioloxía Celular Molecular da Universidade de Bonn.

A maiores, nos meses de outubro e novembro desenvolverase un laboratorio experimental divulgativo no CFEA de Guísamo. O programa compleméntase cunha actuación con centros educativos que abrangue todo o curso escolar 2025-2026, titulado Proxecto de mediación e educación nas escolas: A escola que crea bosque, coordinado polo Centro de Arte Fundación María José Jove.

Data de actualización: 25/05/2025