Os contribuíntes galegos xa se están a beneficiar na campaña da renda 2024 das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia

A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención aos contribuíntes para a elaboración da renda 2024

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2024

Os contribuíntes galegos xa se benefician desde o pasado mes de abril, cando se iniciou a Campaña da Renda 2024, das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia. Así, as novas deducións autonómicas establecidas pola Xunta permitirán aforrar aos contribuíntes galegos máis de 34 millóns de euros na campaña da renda 2024.

Cómpre salientar que Galicia foi a primeira comunidade en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas. Deste xeito, as familias con dous fillos poden deducir 250€, un incentivo que ata o 2023 tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que se dobrou para as familias de tres fillos (500€). En total son case 190.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resultarán beneficiadas na súa declaración. Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres). Tamén están vixentes deducións referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, ás persoas con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros e ao acollemento familiar.

Abundando nas medidas de protección ás familias, na campaña da renda de 2024 os contribuíntes galegos terán unha mellora na dedución por acollemento familiar, de forma que aplicarán sempre 300 € con independencia da súa duración.

Na campaña deste ano seguen tamén vixentes as numerosas medidas de alivio fiscal postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos para loitar contra a suba de prezos e que posibilitaron un aforro de 128 M€ desde o ano 2022. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar incrementados nese mesmo ano. 

Deducións para vivenda

No que se refire a deducións por vivenda, para aluguer poden acollerse os contribuíntes de idade igual ou inferior a 35 anos. Tamén se aplican para os investimentos en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual, e para obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, así como polos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos.

Tamén se establecen vantaxes fiscais para a rehabilitación de bens inmobles en centros históricos e para a adquisición ou rehabilitación de vivendas en aldeas modelo. 

No que se refire ás empresas, existen deducións por investimento en empresas agrarias, pola compra de accións ou participacións en entidades novas ou de recente creación, por investimentos realizados en entidades cotizadas no mercado alternativo bolsista, por donativos a centros de investigación de universidades galegas e dos promovidos ou participados pola Xunta.

Para seguir apoiando ás empresas galegas, na presente campaña habilitouse, ademais, unha nova dedución para os contribuíntes que adquiran accións ou participacións en empresas de especial interese público, social ou económico conforme á lei reguladora dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia. A porcentaxe de dedución é do 20%, e aplicarase sobre a base constituída polas cantidades investidas no exercicio, cunha base máxima total de 10.000 € por entidade.

Tamén os deportistas de alto nivel poden deducir as axudas e subvencións recibidas.  

Colaboración da Xunta

No acto conxunto da Agencia Estatal de Administración Tributaria en Galicia (AEAT) e a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), que tivo lugar na administración de Santiago de Compostela, a directora da Atriga, Sonia Lafont, recordou que a Xunta de Galicia vén colaborando coa Axencia estatal dende o 2008. 

A directora da Atriga valorou moi positivamente a colaboración que a Comunidade realiza xunto coa AEAT. Colabórase dende o 6 de maio con 36 persoas que atenden aos cidadáns no Plan Chamásmolle e que, a partires de hoxe, atenderán presencialmente aos cidadáns para que cumpran coa obriga da presentación da súa declaracións. A Atriga está presente nas 7 plataformas conxuntas nas principais cidades de Galicia: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Na última campaña, o número de asistencias prestadas foi de 24.636.

 

Data de actualización: 02/06/2025