O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración do 36 Congreso da Asociación de Cardioloxía Intervencionista da Sociedade Española de Cardioloxía que se celebra no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela
Gómez Caamaño remarca que as operacións en cardioloxía intervencionista se incrementaron no último ano un 15 % ata acadar as 11.000
O titular de Sanidade amosa publicamente o seu apoio á reivindicación dos profesionais para que o Ministerio de Sanidade cree a subespecialidade médica de cardioloxía intervencionista
Trátese dunha subespecialidade médica minimamente invasiva, que permite operar do corazón cada vez a máis pacientes, de maior idade e cunha mellor recuperación
O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi pioneiro mundial no uso de cordas artificiais para reparar válvulas mitrais
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que as intervencións en cardioloxía intervencionista no Servizo Galego de Saúde chegaron en 2024 ás máis de 11.000 operacións, o que supón un incremento do 15 % con respecto ao ano anterior.
Nas súas palabras durante a inauguración do 36 Congreso da Asociación de Cardioloxía Intervencionista da Sociedade Española de Cardioloxía, no Auditorio de Galicia en Santiago, Gómez Caamaño fixo referencia aos seus beneficios para os pacientes xa que é unha técnica minimamente invasiva, cun impacto directo na supervivencia e na calidade de vida das persoas intervidas.
Por iso, o conselleiro de Sanidade amosou publicamente o seu apoio á reivindicación dos profesionais para que o Ministerio de Sanidade cree a subespecialidade médica de cardioloxía intervencionista.
A evolución da cardioloxía na sanidade pública permite ofrecer unha resposta aos pacientes con doenzas cardíacas pero que, ben pola súa avanzada idade ou por ter outras patoloxías, non está en condicións de afrontar unha operación a corazón aberto nin a súa recuperación.
Galicia conta con exemplos de referencia profesional en cardioloxía intervencionista. En primeiro lugar, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi pioneiro mundial no uso de cordas artificiais para reparar válvulas mitrais.
O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela está á vangarda co implante de válvula tricúspide guiado por ecografía 4D e intelixencia artificial.
O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña contan con investimentos estratéxicos para modernizar as súas áreas de hemodinámica e electrofisioloxía. E, ademais, o persoal do CHUAC avanzou na abordaxe da perforación da aorta cunha técnica pioneira fronte ás cardiopatías.
A Consellería de Sanidade camiña cara a unha medicina cada vez máis personalizada coa participación en ensaios clínicos e coa colaboración permanente entre hospitais públicos, universidades e o tecido tecnolóxico.