A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na solta de 12.000 exemplares desta especie no río Ferreira, en Guntín
A Xunta contribúe á repoboación dos ríos lucenses coa solta de preto de 300.000 alevíns de troita en 2025
Ángeles Vázquez explica que os exemplares que se soltaron hoxe neste afluente do río Miño foron criados no centro ictiolóxico do Veral, en Lugo, teñen catro meses de vida e un tamaño de entre catro e cinco centímetros
Guntín (Lugo), 7 de xuño de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na solta de 12.000 alevíns de troita no río Ferreira, ao seu paso por Guntín, que veñen a sumarse aos preto de 300.000 exemplares desta especie que está previsto soltar este ano 2025 cos que o Goberno Galego está a contribuír á repoboación dos ríos da provincia de Lugo.
Ángeles Vázquez puxo en valor que con estas soltas de exemplares criados en centros ictiolóxicos, a Xunta pretende favorecer a recuperación de especies autóctonas naqueles tramos ou ríos nos que o considera necesario. Isto pode deberse a causas asociadas a vertidos ou mortalidades ou a que a reprodución natural sexa débil ou inexistente por motivos circunstanciais.
No resto dos casos, procúrase favorecer un tipo de xestión da pesca e do hábitat fluvial que promova a renovación natural das poboacións, polos seus propios medios e sen intervención allea que poida ter consecuencias xenéticas ou sanitarias non desexadas.
En concreto, os alevíns de troita común (Salmo trutta) que se soltaron hoxe neste afluente do río Miño foron criados no centro ictiolóxico que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten no Veral, no concello de Lugo, teñen catro meses de vida e un tamaño de entre catro e cinco centímetros.
O centro do Veral, xunto co de Goó, no Incio, produciron este ano preto de 300.000 exemplares de troita común, dos que unha parte xa foron liberados nos ríos da provincia de Lugo, que verten ao mar Cantábrico e ao océano Atlántico. Segundo explicou a conselleira, estas crías obtivéronse grazas á reprodución de exemplares autóctonos destas especies que foron capturados nos propios ríos con anterioridade.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático realiza un seguimento periódico das poboacións piscícolas de Galicia, co fin de avaliar o seu estado, así como o efecto destas repoboacións ou a súa necesidade.