A Xunta activa o convenio con Farmamundi para unha intervención de emerxencia de atención á poboación desprazada no interior da Franxa de Gaza

A resposta centrarase en proporcionar axuda alimentaria e bens de primeira necesidade a través de provedores no comercio local

O Goberno galego achega 9.000 euros coa previsión de cubrir nos próximos catro meses as necesidades máis básicas dunhas 600 persoas de forma directa

A intervención enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias con Farmamundi, que desde 2009 supuxo a mobilización de máis de 1,1 M€

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2025

A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia na Franxa de Gaza co obxectivo de aportar axuda alimentaria. O Goberno galego destinará un orzamento de 9.000 euros para atender a unhas 600 persoas de maneira directa, que se atopan nunha situación de máxima vulnerabilidade baixo o limiar da pobreza extrema.

A Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios realizou un chamamento de emerxencia para facer fronte á situación de risco alimentario da poboación da Franxa de Gaza. Por iso, Farmamundi propón o desenvolvemento de actividades de emerxencia destinadas a proporcionar axuda alimentaria coa colaboración do seu socio local, o Labour Resources Centre, para a compra e distribución de alimentos e artigos de primeira necesidade.

Á hora de adquirir estes bens, buscaranse comercios locais e almacéns de distribución para preparar cada entrega, que se realizará porta a porta co fin de garantir a seguridade tanto das persoas que reciben a asistencia como do persoal humanitario. O reparto desenvolverase na Franxa de Gaza, incluíndo todos os campos de poboación refuxiada para tratar de acadar aos grupos máis afectados polo conflito actual.

Esta intervención, que durará arredor de catro meses, non só terá un impacto positivo nas 600 persoas ás que se pretende acadar co reparto de alimentos, senón tamén se beneficiará de maneira indirecta aos provedores, comerciantes locais e axentes implicados nas actividades e accións da intervención.

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1,1 millón de euros, incluíndo a contía do convenio no que se enmarca esta actuación na Franxa de Gaza.

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Data de actualización: 07/06/2025