Medio Rural enxalza a importancia de eventos como a Festa do Viño Tinto do Salnés para a posta en valor dos produtos vitivinícolas de calidade
Ribadumia (Pontevedra), 7 de xuño de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu esta mañá á 52 edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, que se celebra esta fin de semana no concello pontevedrés de Ribadumia. O director puxo en valor este tipo de eventos, que contribúen a enxalzar e celebrar a calidade dos produtos vitivinícolas de calidade que se elaboran na nosa comunidade.
Alemparte salientou o traballo realizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria para inscribir a Folla Redonda como variedade vitivinícola comercial. Lembrou que a Consellería do Medio Rural vén de completar os trámites necesarios para realizar a solicitude formal desta inscrición, polo que xa entregou o material vexetal requirido para que desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación se inicien os ensaios oficiais concluíntes para o seu correspondente rexistro.