O CIFP As Mercedes e Protección Civil de Lugo colaboran para intervir con drons desenvolvidos polo centro en situacións de emerxencia
Lugo, 8 de xuño de 2025
O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes equipou un furgón para emerxencias da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo, que foi presentado hoxe durante a carreira popular Corre con Nós. No acto participaron a directora territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Sagrario Sánchez, e o director do instituto, Joaquín Expósito.
A colaboración realizouse a través dun convenio co Concello e permitirá empregar dispositivos dron desenvolvidos polos ciclos formativos das Mercedes para operar en situacións de alarma, accións preventivas e outras intervencións propias de Protección Civil. Entre eles está o dron con cámara térmica destinado a facilitar a busca de persoas desaparecidas, realizado polo ciclo de aeromecánica.
A unidade móbil preparada por alumnado e profesorado do CIFP pertence o Grupo de Drons e Telecomunicacións da AVPC lucense. Ademais de intervir nos operativos que corresponda, tamén está enfocada a realizar actividades docentes. A responsable do departamento de Educación en Lugo destacou “a oportunidade que brinda esta iniciativa aos estudantes para reforzar a súa formación en situacións realistas”, ademais de poñer de manifesto “a innovación e a calidade do sistema galego de FP”.