A Xunta aposta pola recuperación dunha muralla no Castro de Doade, en Lalín
Os traballos comezaron a principios deste mes e terán unha duración aproximada de 25 días
O proxecto contempla, ademais da escavación, varias iniciativas para a difusión cultural deste espazo, como visitas virtuais e carteis explicativos
Reguera agradeceu o traballo incansable do Museo Etnográfico Casa do Patrón
Lalín, 09 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá os traballos de escavación que se están a levar a cabo no Castro de Doade, no concello de Lalín, grazas a unha iniciativa da Xunta.
O obxectivo dos traballos é continuar co proxecto de posta en valor deste patrimonio cultural e histórico que, dende hai máis de 15 anos está a levar a cabo o Museo Etnográfico Casa do Patrón en colaboración coa USC.
Neste caso, as labores promovidas pola Xunta consistirán na limpeza previa, escavación arqueolóxica dunha cata de 42 m2, coa posterior conservación-restauración da muralla, con atención de visitas guiadas, así como a difusión mediante unha aplicación de realidade aumentada, a través de códigos QR instalados en carteis de pequeno tamaño. Os traballos, que comezaron o pasado día 2 de xuño, terán unha duración aproximada de 25 días.
Esta 9ª campaña arqueolóxica no Castro de Doade busca facilitar unha comprensión global da zona da dobre muralla defensiva do castro rematando e estudando algunhas zonas pendentes de escavar. Ademais, realizarase unha limpeza integral da zona e contorna, tomando as medidas necesarias para evitar o futuro crecemento incontrolado da vexetación.
Neste sentido, o delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor o gran traballo que se está a levar a cabo neste espazo e para agradecer a labor imprescindible que ten desempeñado o concello de Lalín e moi especialmente o Museo Etnográfico Casa do Patrón: “trátase da segunda fase dun gran proxecto de musealización deste enclave arqueolóxico estratéxico, un dos castros máis estudados do interior de Galicia, no que temos que seguir traballando, non solo na súa recuperación, senón tamén na súa difusión”.