A Xunta apoia a oitava edición da Romaxe Viquinga do Vicedo, que se celebrará os días 25 e 26 de xullo
O Vicedo (Lugo), 11 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia colabora un ano máis co Concello do Vicedo na organización da Romaxe Viquinga, que se celebrará na praia de San Román os días 25 e 26 de xullo.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do cartel e das camisetas conmemorativas da presente edición, que tivo lugar na Casa da Cultura da localidade. No acto estiveron tamén o alcalde do Vicedo, Jesús Novo; o debuxante Cristian F. Carucho, responsable do deseño do cartel; e membros da compañía Queiman e Pousa, que levan anos colaborando coa parte artística do evento, entre outros.
Arias subliñou a “rápida consolidación desta cita de recreación histórica, que alcanza a súa oitava edición constituída nun dos principais reclamos turísticos da Mariña”. Ao respecto, destacou “o empuxe do Concello” e lembrou que “contou co apoio do Goberno galego desde o primeiro momento”.
Durante a mañá entregáronse tamén os premios do concurso de debuxo sobre a romaxe viquinga no que participou o alumnado do CEIP do Vicedo.