A Xunta axuda con preto de 155.000 € á reestruturación e reconversión dunha bodega de Caldas de Reis
Trátase das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, que benefician a 76 persoas viticultoras e bodegas da provincia de Pontevedra
O delegado territorial visitou a Bodega Lagar da Condesa e destacou a importancia de seguir apoiando este sector exemplar en Galicia
Caldas de Reis (Pontevedra), 11 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as Bodegas Lagar da Condesa, no concello de Caldas de Reis, con motivo das axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia.
Esta bodega beneficiase unha achega de máis de preto de 155.000 euros que permitirán mellorar as súas técnicas de xestión dos viñedos así como a súa produtividade e competitividade.
Cabe destacar que estas axudas contan cun orzamento total de 3,1 millóns de euros que permitirán actuar en preto de 121 hectáreas de viñedo e beneficiarán 76 persoas viticultoras e bodegas na provincia de Pontevedra.
Desta forma a consellería de Medio Rural busca fortalecer a aposta por un sector estratéxico en Galicia e que cada ano conquista logros importantísimos que reverten a favor de toda a cidadanía.
Neste sentido, o delegado territorial destacou o gran impacto do sector vinícola na provincia e asegurou que a Xunta seguirá “colaborando con todos os estratos desta industria, dende os pequenos viticultores ata as grandes bodegas, para potenciar o éxito deste sector que é o símbolo do mimo e a calidade coa que se elaboran os produtos galegos".
Acción estratéxica
Esta medida é estratéxica para a nosa comunidade, coa principal finalidade de incrementar a competitividade das explotacións vitícolas. Faino mediante os reaxustes estruturais necesarios do viñedo galego para que se diminúan os custos de produción das explotacións, nas que hai un gran predominio do minifundio. Tamén coas melloras técnicas da xestión dos viñedos galegos que contribúan a redimensionar as explotacións e cos reaxustes varietais necesarios para favorecer a orientación ao mercado.
Deste xeito, adáptanse as producións á demanda á vez que se preservan as viníferas autóctonas galegas de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.
Neste sentido, con estas axudas búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.