Hoxe 14 de xuño, celébrase o Día mundial do doante de sangue baixo o lema 'Doa sangue, doa esperanza: xuntos salvamos vidas'
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue destaca a excelente resposta e xenerosidade da cidadanía coincidindo co Día Mundial do Doante de Sangue
O número total de doantes en 2024 foi de 73.421, dos cales 8.931 doaban sangue por primeira vez
Galicia é a cuarta comunidade autónoma en índice de doazón de sangue
Noia (A Coruña), 13 de xuño de 2025
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un recoñecemento público a todas as persoas, que coa súa xenerosidade, doan sangue.
Coincidindo co Día mundial do doador de sangue, que este ano se celebra baixo o lema Doa sangue, doa esperanza: xuntos, salvamos vidas, esta mañá celebrouse en Noia un acto conmemorativo no que participou o alcalde e no que se deu a coñecer no municipio a campaña especial da época estival Non esquezas doar antes de veranear.
A época de maior dificultade para a doazón de sangue coincide co verán, polo que é necesario desenvolver iniciativas para sensibilizar e impulsar a participación da cidadanía.
Esta campaña pretende chamar a atención sobre a necesidade de acudir a doar antes de ir de vacacións. Os doantes recibirán como agasallo diversos obsequios, como unha camiseta ou un balón de praia.
Datos de participación
No ano 1993, Galicia iniciaba a recollida de doazóns de sangue en unidades móbiles. Desde entón téñense recollidas preto de 3.336.000 doazóns.
Galicia é a cuarta comunidade autónoma en índice de doazón de sangue, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade.
O número de doazóns obtidas no 2024 foi de 105.378, o que sitúa a taxa de doazón en 39 por cada mil habitantes. Estes resultados foron posibles grazas á xenerosidade dos 73.421 doantes que permiten situar a Galicia entre as comunidades autónomas cun maior nivel de participación a nivel estatal.
Por provincias, os datos obtidos foron os seguintes:
|
Provincia |
Doazóns 2024 |
Taxa de doazón 2024 |
|
A Coruña |
47.972 |
43/1.000 |
|
Lugo |
8.097 |
25/1.000 |
|
Ourense |
9.401 |
32/1.000 |
|
Pontevedra |
39.918 |
43/1.000 |
|
Total Galicia |
105.378 |
39/1000 |
En canto ás principais cidades galegas , durante o ano 2024, concentraron o 44 % das doazóns de sangue, cun total de 45.968 achegas, o que representa unha taxa media de 46 doazóns por cada mil habitantes.
|
Cidade |
Doazóns 2024 |
Taxa de doazón 2024 |
|
A Coruña |
9.995 |
40/1000 |
|
Ferrol |
2.999 |
47/1000 |
|
Santiago de Compostela |
8.457 |
85/1000 |
|
Lugo |
3.319 |
33/1000 |
|
Ourense |
4.412 |
42/1000 |
|
Pontevedra |
4.547 |
55/1000 |
|
Vigo |
12.257 |
42/1000 |
|
Total |
45.968 |
46/1000 |
Á marxe das sete cidades, os concellos cun maior índice de participación por provincias foron os seguintes:
|
Provincia |
Concello con maior taxa de doazón |
Doazóns 2024 |
Taxa de doazón 2024 |
|
A Coruña |
Padrón |
717 |
86/1.000 |
|
Lugo |
Meira |
139 |
79/1.000 |
|
Ourense |
A Pobra de Trives |
126 |
64/1.000 |
|
Pontevedra |
O Rosal |
450 |
69/1.000 |
Grazas á colaboración de toda a sociedade galega, case 31.000 pacientes recibiron unha transfusión dun compoñente sanguíneo no pasado ano 2024.
Necesidades de doazón
Un dos principais obxectivos de ADOS é aumentar a base de doantes de Galicia, debido ao envellecemento poboacional. O incremento da idade da nosa poboación dificulta a renovación desta base e, polo tanto, supón un factor decisivo no deseño das campañas de doazón.
Nos últimos anos, o avance da medicina, as novas tecnoloxía e o aumento da esperanza de vida, están a provocar unha maior demanda de compoñentes sanguíneos para responder as necesidades derivadas dos novos tratamentos ou intervencións cirúrxicas. Neste liña, en 2024, ADOS agradece que 8.931 persoas doaron sangue por vez primeira.
Este ano, a Organización Mundial da Saúde elixiu como lema do Día Mundial do Doador: “Doa sangue, doa esperanza: xuntos, salvamos vidas”, mensaxe coa que se quere concienciar á poboación de que é posible salvar vidas mediante o simple acto de doar sangue e compoñentes sanguíneos, xa que constitúen elementos críticos para calquera sistema sanitario.
Iluminación de edificios
Durante a pasada noite do 13 ao 14 de xuño ilumináronse distintos edificios para conmemorar o Día mundial do doante de sangue. Así ilumináronse, entre outros, a Fonte de Catro Camiños na Coruña; a Casa do Concello en Pontevedra; ou a Fonte Concepción Arenal en Ourense. En Ferrol quedaron iluminadas a fachada do Concello e o Teatro Jofre, así como as grúas dos estaleiros de Navantia. En Vigo acendeuse a Fonte da Gran Vía e en Santiago de Compostela as Torres Hedjuk da Cidade da Cultura luciron a cor vermella, lembrando a solidariedade e altruísmo dos doadores de sangue.
Campaña de Verán
Para facilitar a participación, as dez unidades móbiles achegarán este acto solidario a 223 concellos ata o 15 de setembro, o que suporá 800 desprazamentos pola xeografía galega para fomentar a doazón de sangue en cidades, vilas, parroquias e empresas.
Así mesmo, os sete locais de atención permanente ao doante de sangue das sete grandes cidades galegas permanecerán abertos para recoller a solidariedade da cidadanía.
Durante todo o verán ADOS levará a cabo unha intensa campaña informativa, cunha importante presenza en redes sociais e medios de comunicación, e contará coa colaboración dos concellos, que achegarán información sobre a doazón de sangue ao tecido asociativo.
Colaboración
Calquera persoa entre 18 e 65 anos pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.
Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS, tamén as redes sociais e un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles nos concellos.