A Xunta adxudica por 122.000 euros a redacción do proxecto de construción do novo centro de saúde de Meis
O novo centro disporá de tres consultas de medicina, tres consultas de enfermaría, unha sala polivalente e as correspondentes salas técnicas, de toma de mostras e espera de pacientes
Habilitarase unha área pediátrica cunha consulta médica e unha enfermaría pediátrica, ademais de sala de lactación, área de atención á muller, cunha consulta e unha sala de educación sanitaria
O Goberno galego ten previsto un investimento de máis de 1,5 M€ para unificar a atención sanitaria da localidade nun único centro de saúde de 1.037 m2
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
A Xunta vén de adxudicar por un importe de 122.210 euros a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra de construción do novo centro de saúde de Meis.
A obra permitirá unificar a atención sanitaria nun único centro de saúde de 1.037 m2. Ata o de agora, desenvólvese en tres centros diferentes, en concreto, no centro de saúde de Mosteiro, no consultorio de San Martiño e no consultorio de Paradela, en que a actividade tivo que cesar pola pandemia provocada pola covid ao non cumprir coas exixencias de distancia interpersoal.
O plan funcional deseñado polo Servizo Galego de Saúde para esta nova infraestrutura sanitaria de atención primaria de Meis prevé tres consultas de medicina, tres consultas de enfermaría, unha sala polivalente e as correspondentes salas técnicas, de toma de mostras e de espera de pacientes.
Así mesmo, habilitarase unha área pediátrica cunha consulta médica e unha de enfermaría pediátrica, ademais de sala de lactación; tamén área de atención á muller, cunha consulta e unha sala de educación sanitaria. A construción do novo centro de saúde tamén permitirá habilitar unha sala de xuntas e unha biblioteca para o seu persoal.
O investimento total estimado para a construción do novo centro de Meis ascende a 1,5 millóns de euros.
Recursos Humanos
A construción do novo centro de saúde en Meis evitará que os pacientes se teñan que desprazar desde o seu consultorio ao centro de cabeceira para contar con certos servizos. Así, contará con tres profesionais de medicina de familia, un pediatra, tres prazas de enfermería e dúas de persoal de servizos xerais. Increméntase, polo tanto, unha praza de tarefas auxiliares administrativas, xa que actualmente non é posible contar cun profesional máis por falta de espazo.
Deste xeito, a Xunta avanza nun dos centros incluídos na fase dúas do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, para atender en Meis unha poboación que supera as 4.200 tarxetas sanitarias.