A Xunta aposta pola prevención e a aplicación das novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia ante as emerxencias

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo,  participou na inauguración do VII Congreso Internacional de Seguridade Industrial en Portos, centrado nesta edición na aplicación da intelixencia artificial á seguridade portuaria

A Coruña, 18 de xuño de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na inauguración do VII Congreso Internacional de Seguridade Industrial en Portos, onde sinalou a necesidade de “actuar con prevención para facer das infraestruturas portuarias espazos seguros fronte aos riscos do século XXI”. Nesta liña, incidiu en que apostar pola seguridade industrial “supón protexer ás persoas e ao medio ambiente, minimizar riscos de sinistros e mellorar a eficiencia e operativa das empresas”.

O encontro céntrase nesta edición na aplicación da intelixencia artificial á seguridade portuaria, motivo polo que durante a súa intervención, o conselleiro apelou á analizar os retos asociados coas novas tecnoloxías para planificar e abordar de xeito eficaz calquera emerxencia. No que se refire á intelixencia artificial, Diego Calvo apuntou que é unha ferramenta útil para “prever comportamentos, anticipar decisións e reducir riscos para a poboación”.

A Xunta aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta para garantir a eficacia ante calquera incidencia e, por iso, organiza simulacros ao longo do ano, algúns deles en empresas situadas nas inmediacións dos portos, co obxectivo de determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparados os mecanismos de activación, coordinación e intervención previstos para dar unha resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente. Estes exercicios permiten dar a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de un incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

No marco do compromiso coa seguridade industrial, o conselleiro lembrou que o ano pasado a Xunta puxo en marcha o Consello Galego de Seguridade Industrial, un órgano consultivo e de participación para o impulso e a coordinación das actuacións relativas á seguridade industrial en Galicia, do que forman parte entidades do sector público e privado vinculadas a este ámbito. Un dos cometidos deste organismo é precisamente articular medidas para a prevención e a limitación de riscos nas instalacións industriais.

Ademais, a través dos Plans anuais de inspección en materia de seguridade industrial, a Administración autonómica encárgase de comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto aos diferentes regulamentos industriais. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2025