O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP comprobou o resultado das obras no instituto estradense, nas que a Xunta investiu 3 M€
Román Rodríguez sinala o novo edificio de talleres do Instituto Losada Diéguez como unha oportunidade para dar pulo ao sector da madeira na comarca
Recorda que a infraestrutura dá resposta a unha necesidade educativa deste instituto, en concreto nos ciclos desta familia profesional, para os que precisaban espazos
Destaca un investimento de preto de 6 M€ en melloras nos centros educativos da Estrada, ademais da renovación do almacén do polígono de Toedo, por 1,5 M€
A Estrada (Pontevedra), 20 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe o novo edificio de talleres do Instituto IES Antón Losada Diéguez, da Estrada, como unha nova oportunidade para dar pulo ao sector da madeira e moble na comarca. Fíxoo nunha visita ao centro, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, para comprobar o resultado final das obras de construción deste edificio, que supuxo un investimento de 3 M€ por parte da Xunta de Galicia.
O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que esta infraestrutura “vén dar resposta a unha necesidade educativa deste instituto e dos ciclos da familia profesional da Madeira, moble e cortiza, que tiñan que utilizar en moitos casos as instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para as clases prácticas”, explicou o conselleiro. “Polo tanto, o novo espazo vai permitir que esta familia profesional de FP, tan conectada co tecido produtivo da contorna continúe medrando e, con ela, o sector”, salientou.
O novo edificio ten unha superficie total de construída de 1.544 m² e útil de 1.270 m², divididos en dous andares. Na planta baixa sitúase unha aula polivalente e unha técnica, vestiarios, o cuarto de limpeza e cuarto de instalacións e un almacén. No andar superior están a área de talleres, sala de profesores, un aseo e outro almacén.
Obras en execución
O conselleiro destacou un investimento de preto de 6 M€ nos centros educativos da Estrada ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica e explicou que nestes momentos están en execución tres actuacións. A de maior envergadura é a rehabilitación integral do Colexio CEIP Pérez Viondi, cun importe de 1,05 M€, que está executada aproximadamente ao 50 %.
Ademais, iniciáronse neste mes de xuño as obras de renovación do sistema de iluminación e falsos teitos e reforma da instalación eléctrica do CEIP O Foxo (280.000 €) e a instalación de ascensor e outras melloras de accesibilidade do Instituto IES Manuel García Barros (180.000 €).
A maiores, a Consellería ten en marcha a reforma do almacén que posúe no polígono de Toedo, tamén na Estrada. A obra ten un orzamento de licitación de 1,5 M€, un prazo de execución de oito meses e está a piques de adxudicarse. A actuación consiste na substitución das cubertas e lucernarios dos cinco módulos situados ao norte do edificio. As novas serán de panel sándwich de chapa de aceiro e os lucernarios cambiaranse por paneis translúcidos de policarbonato celular. Ademais, cambiaranse as actuais fachadas de chapa lacada por outras de aceiro galvanizado e lacado. Tamén se mellorarán as instalacións de protección contra incendios do edificio
Prazas na comarca
Román Rodríguez destacou tamén que, na nova oferta de FP para o vindeiro curso, a área de Deza-Tabeirós-Terra de Montes, cun total de 809 prazas de novo ingreso, un 6 % máis ca no 2024/25. Entre as novidades na comarca destaca o novo ciclo de FP Dual Xeral de grao medio de Actividades comerciais no Instituto IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda e o novo máster de Dixitalización do mantemento industrial no Instituto IES Laxeiro de Lalín.
Ademais, ábrese un segundo grupo no ciclo de FP de Básica de Carpintaría e moble no IES Antón Losada Diéguez, nunha aposta por incorporar a FP básica como medida para tender a taxa cero de abandono escolar e apostar por esta familia profesional da Madeira, moble e cortiza.