Galicia lidera o ránking estatal con máis bibliotecas escolares en funcionamento e abertas ás familias

Os últimos datos do Ministerio de Educación reflicten o resultado do apoio da Xunta a estes espazos como eixos fundamentais de aprendizaxe en colexios e institutos

O 98,2 % dos colexios e institutos galegos contan con bibliotecas en funcionamento, 15,7 puntos por riba da media estatal que é do 82,5 %

No marco das liñas de impulso neste eido, a Consellería Educación vén de abrir o prazo para que novos centros se adhiran ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2025

Galicia lidera o ránking estatal como a comunidade autónoma con máis bibliotecas escolares en funcionamento, segundo a última estatística que vén de publicar o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, con datos correspondentes ao curso 2023-24.

Segundo este informe, practicamente a totalidade de colexios e institutos galegos (concretamente o 98,2 %) contan con espazos bibliotecarios en funcionamento, o que supón 15,7 puntos por riba da media estatal (82,5 %) e 8,2 puntos máis da segunda que é  Cantabria (90 %).

Así mesmo, as bibliotecas dos colexios e institutos galegos son as que máis permiten o acceso ás persoas de fóra dos centros. No 62 % dos casos están abertas á participación das familias, mentres que a medida de España é do 36,3 %. E case no 15 % dos casos as bibliotecas escolares están abertas a usuarios de fóra da comunidade educativa, cando a media estatal é do 8,5 %.

Así pois, estes datos do Ministerio reflicten a aposta da Xunta de Galicia polo apoio e dinamización destes espazos como eixos fundamentais de aprendizaxe en colexios e institutos. De feito, o fomento das competencias lingüísticas é unha das prioridades do Goberno galego, que se verá reforzada a partir do vindeiro curso coa implantación do tempo de ler como un espazo diario e sistematizado nos centros educativos que permitirá consolidar o hábito lector en todas as etapas.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta cunha folla de ruta asentada desde hai anos en materia de bibliotecas escolares cun abano de programas específicos ao abeiro do Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe) e do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe).

Precisamente unha das iniciativas máis dinámicas son os Clubs de Lectura, que funcionan nos centros como espazos de aprendizaxe multidisciplinar, onde se consolidan os hábitos lectores, se fomentan as competencias básicas do alumnado como a comunicación lingüística social, cultural ou artística, así como o traballo en equipo e o diálogo interxeracional ao estaren abertos á participación das familias.

Plan de mellora por 1,5 M€

Nestes momentos está aberto o prazo para incorporar 25 novos centros educativos públicos ao Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) para o curso 2025/2026. Na actualidade forman parte desta rede 878 centros, dos que 805 son públicos e 73 concertados.

O orzamento total da convocatoria, que contempla tanto os centros de nova incorporación como os que continúan participando na iniciativa, é de 1,5 M€. As asignacións para os 25 centros de nova incorporación estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario e a sufragar gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

No caso dos centros que renovan no programa, poderán acceder a axudas para fondos, para renovar mobiliario e outros equipamentos (convocatorias entre o 2008/09 e o 2010/11, así como a de 2024/25) ou para gastos de funcionamento (só para os centros incorporados no curso 2024/25). Ademais, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería. Desde o Plan de mellora de bibliotecas valorarase que nos fondos adquiridos con cargo a esta iniciativa se inclúan materiais destinados á atención da diversidade e que polo menos un mínimo do 50 % dos fondos mercados deberán estar en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de xullo. Os centros interesados realizarán todo o proceso a través da aplicación informática de Bibliotecas Escolares. Xunto coa súa solicitude, deberán incluír documentos como a programación da biblioteca, o profesorado implicado no desenvolvemento das actividades ou unha memoria descritiva das accións realizadas en relación coa organización da biblioteca escolar ou o fomento da lectura, entre outras.

O obxectivo desta iniciativa é continuar mellorando as bibliotecas escolares, a través da renovación dos seus recursos, para impulsar a comprensión lectora, o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe ou o estímulo do hábito lector entre toda a comunidade educativa.

Data de actualización: 22/06/2025