A Xunta inviste 265.000 € na renovación das luminarias do porto de Ribeira con tecnoloxía LED de alta prestación e software de telecontrol

As obras están en execución e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto cun aforro enerxético estimado do 60 %

Portos de Galicia autorizou a celebración das festas de San Xoán e do verán no peirao de Palmeira

Ribeira (A Coruña), 19 de xuño de 2025

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 265.000 nas obras de renovación das luminarias do porto de Ribeira por tecnoloxía LED de alta prestación e control telemático. As obras están en execución esta semana e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto, reducindo o consumo enerxético.

Esta actuación enmárcase nun plan global para unha trintena de dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste este ano 3 millóns de euros para dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable ao sistema portuario autonómico. En concreto no porto de Ribeira, estase a actuar sobre 169 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión.

O obxectivo principal destes traballos de modernización é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60 %.

Con este obxectivo, implantarase tecnoloxía LED con equipos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa durabilidade en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol de iluminación.

Esta actuación únese á recentemente rematada de renovación dos pavimentos nos viais do porto de Ribeira. O ente público executou un novo pavimento en varias zonas do peirao, o aparcadoiro da lonxa, o paseo das Carolinas e a avenida do Malecón. O investimento total desta actuación foi de 140.000 euros.

Autorización para as festas en Palmeira

Ademais, Portos de Galicia vén de emitir autorización para a celebración de dúas celebracións de festas no porto ribeirense de Palmeira. Así, o ente público outorgou xa os permisos para as festas de San Xoán desta parroquia así como para os festexos estivais que se celebran no mes de agosto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2025