O alumnado da 17ª promoción de Policía Local percorre o Camiño Inglés antes de comezar a formación práctica este verán nos seus concellos
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu aos máis de 90 alumnos desta promoción na súa chegada á praza do Obradoiro
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe ao alumnado da 17ª promoción da Policia Local que se forma na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ao remate do seu percorrido do Camiño Inglés. Os máis de 90 alumnos que integran esta promoción dan continuidade a unha actividade que xa se converteu nunha tradición na Academia. Neste caso, partiron o pasado luns desde Ferrol, un dos puntos de inicio do Camiño Inglés, e remataron a peregrinaxe hoxe na praza do Obradoiro.
O director xeral de Emerxencias e Interior destacou que, con esta iniciativa, preténdese cada ano que o alumnado viva unha experiencia de convivencia logo de compartir meses de formación con compañeiros e profesores nas instalacións da Academia, ademais de descubrir todos os valores que rodean o Camiño de Santiago.
O alumnado remata con esta peregrinación a súa formación teórica na Agasp antes de volver aos seus 32 concellos de orixe durante os meses de verán para realizar a parte práctica da súa aprendizaxe indispensable para ser auxiliares de policía local. Voltarán á Academia a finais de setembro para rematar o curso coa segunda parte da formación teórica.
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario no marco dos plan de formación continua anuais.