O delegado territorial visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, á área recreativa do concello da Bola
Manuel Pardo chama a celebrar a noite de San Xoán de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente
O delegado territorial da Xunta en Ourense presentou a campaña Por un San Xoán de 10!, na que inclúe un decálogo de consellos para celebrar a festa de San Xoán
Manuel Pardo fixo un chamamento a manter as áreas de lecer e as contornas das praias fluviais limpas de residuos e a respectar a preservación dos valores naturais
En canto á localización das fogueiras, o delegado territorial lembrou que están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, é importante ter presente que nel poden vivir animais e plantas que é preciso coidar
Ourense, 23 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, María Teresa Barge, a área recreativa do concello da Bola para difundir a campaña Por un San Xoán de 10!, que inclúe un decálogo de consellos para celebrar esta festa “sen deixar pegada nas nosas contornas e areais”.
O delegado territorial fixo un chamamento a manter as áreas de lecer e as contornas das praias fluviais limpas de residuos e a ser respectuosos coa preservación dos valores naturais. Neste sentido, explicou as pautas de comportamento incluídas nese decálogo, que inclúen desde as cuestións a considerar con anterioridade á celebración da noite de San Xoán como os aspectos a ter en conta ao dar por rematada a festa.
Manuel Pardo incidiu en que neste tipo de celebracións é aconsellable facer un bo cálculo dos asistentes para evitar mercar máis comida e bebida das necesarias e optando por alimentos que poidan ser aproveitados ao día seguinte para reducir o desperdicio alimentario. Ademais, é recomendable usar friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos, así como priorizar a compra de produtos a granel fronte aos xa envasados para reducir o volume de refugallos.
En canto á localización das fogueiras, o delegado territorial lembrou que están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, é importante ter presente que nel poden vivir animais e plantas que é preciso coidar. Nese senso, fixo especial fincapé en evitar o uso de altofalantes de gran potencia para previr a contaminación acústica. A maiores, recoméndase evitar botar á cacharela calquera obxecto que non sexa de madeira.
Unha vez rematada a celebración, é fundamental recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento.