A Xunta convoca bolsas de ata 2.500 € para universitarios que queiran estudar fóra da UE
Ata o 7 de xullo pódense solicitar estas axudas do programa Galemundo para participar o vindeiro curso en estadías en países extracomunitarios
Esta convocatoria, dotada con 250.000€, busca favorecer a participación do alumnado nestas experiencias de mellora en idiomas e enriquecemento cultural
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia apoiará o vindeiro curso escolar 25/26 a estudantes das universidades galegas que queiran estudar fóra da Unión Europea. O alumnado que participe en programas de mobilidade en calquera país extracomunitario pode solicitar ata o 7 de xullo as bolsas do Goberno galego para esta finalidade e recibir contías que van dos 1.700€ aos 2.500€ en función do destino.
O obxectivo desta liña de axudas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que conta cun orzamento total de 250.000€, é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan mellorar o seu nivel de idiomas e propiciar o seu enriquecemento cultural. A natureza destas experiencias permítelle ao alumnado integrarse nunha comunidade estranxeira e desenvolver os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais.
As bolsas son de 1.700€ para intercambios realizados en Europa (en países que non forman parte da UE) e de 2.500€ para o resto do mundo. Para solicitalas, o estudante deberá estar matriculado no curso 25/26 en calquera grao das universidades públicas galegas. Non poderán recibir a axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado con nacionalidade distinta á española e con dobre nacionalidade que realice a mobilidade nos seus países de orixe. No curso 24/25 recibiron estas axudas da Xunta de Galicia un total de 78 estudantes das universidades da nosa Comunidade.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 7 de xullo. Realizaranse por medios dixitais a través da sede electrónica da Xunta. Unha vez formalizada a petición, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido.
Programa Galemundo
As bolsas para estudar en universidades fóra da Unión Europea complétanse coas dirixidas a universitarios dentro da UE, o coñecido como programa Erasmus+ xestionado a nivel estatal polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación. Nese marco, a Xunta encárgase de complementar as axudas para os universitarios de Galicia.
Ambas iniciativas forman parte do programa Galemundo da Xunta para impulsar a internacionalización no ensino. Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participan este curso en mobilidades noutros países grazas a esta iniciativa, dotada con máis de 15M€ e que aglutina as bolsas do departamento educativo da Xunta, para facilitar que alumnos e profesores viaxen a outros países e melloren en idiomas.