A mocidade que queira incorporarse ao agro e mellorar a súa explotación pode solicitar axudas dun máximo de 320.000 € a partir deste xoves

Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas achegas que ascenden a 36 M€, cofinanciados con fondos europeos e estatais

As axudas inclúen 5,5 millóns para plans de mellora a mozos incorporados no 2024 e algo máis de 30,5 millóns para mozos que se incorporen este ano

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as ordes da Consellería do Medio Rural polas que se convocan novas axudas dirixidas aos plans de mellora en explotacións agrarias e á incorporación de mozos. Estas achegas contan cun orzamento total de 36 millóns de euros e teñen como finalidade seguir avanzando na remuda xeracional no agro galego. Neste sentido, a mocidade pode solicitar axudas dun máximo de 320.000 euros para incorporarse ao agro e mellorar a súa explotación a partir deste xoves, cun prazo límite dun mes.

A primeira liña de axudas está destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024. Cunha dotación de 5,5 millóns de euros, estas achegas permitirán acometer investimentos para a modernización ou mellora das explotacións agrarias por parte das persoas mozas que recibiron xa a axuda de incorporación, pero que aínda non tiñan o plan de mellora aprobado. O obxectivo é facilitar o inicio da súa actividade produtiva.

A segunda orde de achegas, cun orzamento de algo máis de 30,5 millóns de euros, diríxese ao establecemento de agricultores mozos e ao financiamento de investimentos destinados á modernización e/ou mellora das explotacións agrarias. Con isto preténdese seguir fomentando a incorporación da mocidade ao medio rural galego.

Estas achegas están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (Feader), nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Continúan así as liñas de apoio ás explotacións agrarias iniciadas no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Ligazón ás resolucións no DOG:

Incorporación de persoas mozas:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250625/AnuncioG0426-110625-0003_gl.html

Plans de mellora:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250625/AnuncioG0426-110625-0005_gl.html

Data de actualización: 25/06/2025