A Xunta impulsa o transporte público no verán nos concellos de Sanxenxo e da Illa de Arousa
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e os alcaldes Telmo Martín e Luis Arosa asinaron os respectivos convenios para activar liñas de reforzo no marco das concesións autonómicas de autobús
A colaboración do Goberno galego permitirá descontos nas viaxes de uso xeral e manterá as bonificacións
Activaranse liñas circulares que conectarán os principais puntos de interese de cada municipio, como os núcleos urbanos ou as contornas das praias e dos espazos naturais
Pontevedra, 26 de xuño de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e da Illa de Arousa, Luis Arosa, asinaron hoxe os convenios para a posta en marcha de servizos de transporte público municipal en tempada estival nos respectivos concellos, nun acto que contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
As liñas de reforzo están integradas no sistema de tarifas único e bonificado activado pola Xunta, e teñen como obxectivo contribuír á redución do uso de vehículos particulares e fomentar a mobilidade sustentable, así como atender as necesidades xeradas pola promoción turística destes municipios.
No caso de Sanxenxo dáselle así continuidade á colaboración iniciada o ano pasado para a implantación de servizos de interese municipal (SIMU) no marco das concesións autonómicas de autobús, cun investimento por parte do Concello de 65.000 euros.
Segundo explicou Diego Calvo, para este verán, adecuáronse os servizos ás demandas e necesidades analizadas tras a experiencia de 2024. Deste xeito, nos meses de xullo e agosto funcionarán dúas liñas circulares que realizarán cada unha un percorrido inverso. Estímase que preto de 30.000 persoas utilizarán os servizos do convenio durante os dous meses nos que estarán operativos.
Cada unha das liñas ofrecerá 16 servizos ao día de luns a domingo, con frecuencia dunha hora das 08:00 horas ás 00:30 horas. Os servizos alternaranse entre ambas as liñas de xeito que saia un autobús cada media hora, un cara a Portonovo e A Lanzada e o seguinte cara a Vilalonga para volver a Sanxenxo pola costa desde A Lanzada.
Servizos na Illa de Arousa
Pola súa banda, o convenio asinado co Concello da Illa de Arousa permitirá habilitar desde o 1 de xullo unha liña de autobús para mellorar a mobilidade no municipio durante o verán. A medida, que se desenvolverá ao longo deste ano coa posibilidade de prórroga, suporá un investimento por parte do Concello de 13.000 euros.
A nova liña realizará unha ruta circular con saída e chegada no aparcadoiro do Vao. Estímase que máis de 4.300 persoas utilizarán os servizos do convenio durante os dous meses nos que estarán operativos. Ofrécense sete servizos ao día de luns a domingo nos meses de xullo e agosto, en horario de tarde, desde as 15:45 horas ata as 20:17 horas. Os horarios de saída serán ás 15:45, ás 16:20, ás 16:55, ás 17:55, ás 18:30, ás 19:10 e ás 19:45 horas.
En ambos os casos, as liñas conectarán os principais puntos de interese de cada municipio, como os núcleos urbanos ou as contornas das praias e espazos naturais. As melloras incluiranse nas concesións que xa operan no marco do Plan de Transporte Público de Galicia e aplicaranse os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico. Polo tanto, os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG grazas á Tarifa +65.
Trátase de facilitar mellores alternativas en transporte público para diminuír a conxestión de tráfico que se orixina no municipio durante o verán pola importante atracción de visitantes.
Reforzos de verán
Diego Calvo apuntou que a colaboración cos concellos complementa no ámbito municipal o reforzo previsto pola Xunta para este verán co obxectivo de darlle resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais, festas, verbenas e festivais; ou a praias e parques acuáticos. Isto suporá a activación desde o 1 de xullo de 22.000 servizos específicos nun total de 90 liñas.
Así, lembrou que tamén se reforzarán os autobuses na comarca no Salnés e a súa conexión con Pontevedra; na comarca do Morrazo, con os servizos nocturnos durante as fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra, e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos. Ademais, activaranse outros servizos e axustes nas Rías Baixas para atender a demanda, en concreto, en Nigrán, e reforzos en Cangas para conectar coas praias.