A Xunta destaca o persoal voluntario de Protección Civil como “piar na prevención e atención ás emerxencias”
O director xeral de Emerxencias e Interior participou nas xornadas de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, onde sinalou o apoio do Goberno galego a estes colectivos con axudas ao funcionamento e dotación de material
Verín (Ourense), 28 de xuño de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou nas IX Xornadas de convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ourense, onde sinalou a importancia deste persoal na prevención de riscos e na atención ás emerxencias, labores nas que son “un piar fundamental”. Incidiu tamén na xenerosidade e entrega que demostran os membros destes colectivos e eloxiou o seu traballo “a prol da seguridade e benestar da poboación, tanto en eventos extraordinarios como no día a día”.
Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse ao compromiso do Goberno galego con estas entidades a través de diferentes medidas de apoio. Nesta liña, o mes pasado publicouse a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos de AVPC, que incrementou a dotación de 340.000 a 370.000 euros, e da que se beneficiarán 66 colectivos de Ourense.
Esta medida súmase ao apoio específico para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento de case 15,4 millóns de euros no conxunto de Galicia e a entrega de máis de 1.500 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros. Cómpre sinalar que Ourense é a provincia na que se realizou un maior investimento, máis de 4,8 millóns de euros. Esta provincia é ademais, xunto coa Coruña, a que suma máis Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, 75 con máis de 1.200 membros.
O director xeral avanzou que, no marco do compromiso continuado coa dotación de medios para mellorar a capacidade operativa das agrupacións de voluntarios de protección civil, a Xunta ten previsto publicar neste ano unha nova orde de concesión de material, a través da cal se cederán 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias e 10 tendas de campaña para emerxencias a concellos galegos que conten con AVPC.
Santiago Villanueva referiuse tamén a outros apoios, como o formativo, con cursos específicos para este persoal impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública, ou a posta en marcha da nova plataforma informática (SIPROC), que facilita a comunicación das AVPC e os voluntarios coa Xunta. A plataforma permite prestarlles un maior e máis efectivo apoio ás AVPC, xa que é posible coñecer en todo momento a súa composición, formación, recursos dispoñibles e o seu estado, operativos desenvolvidos e ademais permitirá ter información de primeira man da evolución das emerxencias.