A Xunta somete a información pública o proxecto para unha senda peonil na estrada AC-862 en Ortigueira, que suporá un investimento de 350.000 €
Habilitarase un novo itinerario duns 500 metros de lonxitude que favoreza o tránsito peonil para as vivendas da contorna, e que permitirá unir o núcleo do municipio e o aparcadoiro que se habilita durante o Festival de Ortigueira
A Xunta prevé aprobar o proxecto no outono para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras
O prazo da información pública será de trinta días hábiles
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
A Xunta anunciou hoxe a través do Diario Oficial de Galicia o proceso de información pública do proxecto para construír unha senda peonil na estrada AC-862, ao seu paso polo concello de Ortigueira, que conta cun investimento autonómico que ao redor de 350.000euros.
O novo itinerario, cunha lonxitude de medio quilómetro, habilitarase na marxe esquerda desta vía autonómica, situada entre os puntos quilométricos 52+290 e 52+809, coa fin de favorecer o tránsito peonil seguro para as vivendas que se sitúan na súa traza, e que ademais permitirá unir o núcleo do municipio e o aparcadoiro que se habilita durante o Festival internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
A Xunta prevé poder aprobar no outono este proxecto, para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras. Para levar a cabo esta intervención será necesaria a expropiación de 9 predios, todas no municipio coruñés.
O proceso de información pública realizarase por un prazo de trinta días hábiles contados a partir de mañá.
As obras terán un prazo de execución de 6 meses e na intervención abordaranse tamén as actuacións complementarias necesarias de drenaxe e sinalización horizontal e vertical.
Así mesmo, na actuación proxectada inclúese a definición de todos os accesos existentes con solucións particulares estudadas para cada caso particular, así como a rede de camiños existente na entorna.