Sete cociñeiros disputarán o martes o título de Mellor Cociñeiro de Tapas 2025 ‘Sete Cidades, Sete Sabores’

Organizado pola Xunta de Galicia, nunha gala que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025

‘Sete Cidades, Sete Sabores’ poñerá a competir este martes a sete cociñeiros das sete cidades galegas nunha aposta de Turismo de Galicia pola promoción do turismo urbano aderezada pola súa oferta gastronómica e da que sairá elixido o Mellor Cociñeiro de Tapas 2025. O acto terá luga o martes ás 20,00 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Organizada pola Xunta de Galicia, a gala é o peche dunha campaña de Turismo de Galicia para atraer a ese visitante que fai escapadas en diferentes épocas do ano, buscando experiencias culinarias, enfocándose na gastronomía local e a cultura relacionada coa comida.  A gala, que será presentada por Lucía Rodríguez, comezará ás 20:00h na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. 

‘Sete cidades, sete sabores’ amosará a creatividade da gastronomía galega enmarcando estas experiencias nos recursos turísticos de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo, cidades atractivas e dinámicas con historia e cultura propias.

Os chefs representantes de cada cidade son: Álex Martínez e Mar López de Bacelo (Ferrol); Vicenzo Amaddeo de Ama Italiana Contemporánea (A Coruña); Alejandro Ferreiro de O Sendeiro (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Daniel Bastos de La Marciana (Vigo); Paco Gómez de Pulpería Asador La Feira (Ourense) e José Luis Pardo de Orixe do Campo (Lugo).e

Cada chef disporá dun máximo de 3 minutos para rematar a súa tapa no escenario. E a orde será: Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.

Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que estará integrado José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostalaría de Galicia; Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar, Ana Méndez Gil, directora de Galicia Calidade, Adrián Pérez, chef de Restaurante Sinxelo y Coque Fariña Esperón, @mi_coqueteria, instagramer. Todos eles valorarán cada tapa segundo a presentación, textura, sazón e sabor, concepto e orixinalidade. Por outra parte, o premio do xurado popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación.

Os asistentes poderán gozar das seguintes demostracións. Por Ferrol, concursará a tapa ‘Os Polos Opostos’ dos chefs  Álex Martínez e Mar Lago de O Bacelo; pola Coruña, será ‘Ravioli recheo de chourizo ceboleiro’ do chef Vicenzo Amaddeo de Ama Italiana Contemporánea; por Santiago de Compostela, será a tapa ‘Bonito, millo e lagostino’ do chef Alejandro Ferreiro de O Sendeiro; por Pontevedra, a proposta leva por título ‘Tomatún’ do chef Rubén González de El Cafetín de la Alameda; por Vigo, será ‘Ondas do mar’ do chef Daniel Bastos de La Marciana; por Ourense, a tapa concursante será ‘Gamba na corte’ do chef Paco Gómez de Pulpería Asador La Feir, e finalmente por Lugo, será a proposta ‘Petisco larpeiro’ do chef José Luis Pardo de Orixe do Campo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2025