A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Xunta, Sofía López Linares, interveu no acto de conmemoración do Día do Médico
A Consellería de Sanidade destaca o compromiso do Colexio Oficial de Médicos de Lugo coa calidade e a eficacia dos servizos sanitarios
Sofía López sinala que o sistema nacional de saúde necesita medidas urxentes e un marco normativo que posibilite facer fronte aos desafíos actuais desde o respecto e a escoita aos facultativos
Destaca o investimento da Xunta nos últimos anos para mellorar as infraestruturas de atención primaria de Lugo, que se elevan aos 24 millóns de euros
Remarca a recente aprobación da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde con 3.460 prazas, o que supón 2.000 máis que as previstas inicialmente
Subliña a importancia de sumar esforzos para buscar solucións aos retos sanitarios e incide na aposta do Colexio Oficial de Médicos de Lugo polo coñecemento, o estudo e a investigación para achegar respostas solventes
Lugo, 27 de xuño de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, destacou hoxe o compromiso e a implicación do Colexio Oficial de Médicos de Lugo coa calidade dos servizo sanitarios.
A representante do Executivo galego interveu no acto de entrega de premios con motivo da celebración do Día do Médico 2025, que organiza o Colexio Oficial de Médicos de Lugo.
Sofía López referiu que é fundamental contar co Colexio Oficial de Médicos de Lugo como aliado na procura de solucións efectivas para afrontar os retos da sanidade, entre os que citou a falta de médicos, que é un problema que está a padecer toda España e cuxa solución compete ao Ministerio de Sanidade. Un problema, incidiu, que Lugo sofre con especial dureza, dada a dispersión xeográfica e o avellentamento da súa poboación.
Sofía López remarcou que o sistema nacional de saúde necesita medidas urxentes e un marco normativo que posibilite facer fronte aos desafíos actuais desde o respecto e a escoita aos facultativos.
A directora xeral explicou que a Xunta, no marco das súas competencias, está a incentivar a profesión médica con todas as ferramentas posibles e a optimizar a organización dos recursos dispoñibles para garantir a asistencia sanitaria á poboación. Así mesmo, o Goberno galego está a facer un grande esforzo na renovación das infraestruturas sanitarias.
Ao respecto, concretamente en Lugo, o investimento da Xunta en atención primaria acada os 24 millóns de euros para a posta en marcha do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, a reforma do centro de saúde da Milagrosa que se está a acometer ou para a construción do novo centro de saúde do Sagrado Corazón, cuxo acordo se acaba de desbloquear.
No que atinxe ao déficit de médicos, a directora xeral de Sanidade lembrou que a Xunta vén de aprobar a oferta pública de emprego no Servizo Galego de Saúde con 3.460 prazas, o que supón 2.000 máis que as previstas inicialmente. Así mesmo, aprobouse a maior oferta de formación sanitaria especializada da comunidade, con 676 prazas.
Sofía López tamén remarcou a importancia de sumar esforzos para buscar solucións aos desafíos. A tal efecto, dixo que o Colexio Oficial de Médicos de Lugo soubo atallar os problemas, apostando polo coñecemento, o estudo e a investigación para achegar respostas solventes.
Para rematar a súa intervención, referiu que o Executivo galego e os colexios profesionais están a manter un diálogo permanente co obxecto de sacar adiante os mellores proxectos e así é como debe afrontarse a atención sanitaria, desde unha perspectiva compartida, concluíu a directora xeral.