A Xunta publica o nomeamento de 129 facultativos especialistas de área e de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde
O Diario Oficial de Galicia publica a adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados por concurso-oposición e concurso de méritos
Trátase do segundo proceso de adxudicación tras resultar vacantes prazas logo dos nomeamentos de abril
Os profesionais disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados nos procesos selectivos, polo sistema de concurso-oposición e concurso de méritos, para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e de persoal licenciado sanitario.
Trátase do segundo proceso de adxudicación de destino definitivo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, médico coordinador do 061 e médico de urxencias hospitalarias, tras resultar vacantes prazas logo das resolucións dos nomeamentos do 4 e 15 de abril.
Neste novo proceso de adxudicación as prazas vacantes ofertáronse a novos aspirantes segundo a orde de prelación, tal e como está establecido nas bases das convocatorias co fin de asegurar a súa cobertura.
Deste xeito, nesta segunda resolución incorpóranse 115 facultativos especialistas de área, 4 médicos coordinadores do 061 e 10 médicos de urxencias. Da totalidade das persoas adxudicatarias, 62 facultativos especialistas de área, 2 médicos coordinadores do 061 e 10 médicos de urxencias accederon a súa praza fixa a través do proceso selectivo de estabilización, mediante o sistema de concurso de méritos, mentres que 53 facultativos especialistas de área e 2 médicos coordinadores do 061 accederon polo sistema de concurso-oposición.
Os seleccionados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 30 de xullo de 2025.
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.