A Xunta avalía cos concellos da área de transporte metropolitano da Coruña a implementación do plan de transporte metropolitano

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron na reunión na que se abordaron as propostas de cambio do servizo presentadas polos concellos

Entre as medidas propostas pola Xunta de cara á época estival destacan os próximos reforzos da liña entre A Coruña e Oleiros para dar servizo ás praias da área metropolitana

O encontro enmárcase no compromiso da Xunta de celebrar comisións de seguimento cada seis meses

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuníronse hoxe cos concellos da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña no marco da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. Esta reunión responde ao compromiso adquirido pola Administración autonómica de celebrar estas comisións cada seis meses para avaliar o funcionamento e a evolución do servizo.

Logo de que no pasado mes de novembro se prorrogasen os convenios de todas as ATMs, nesta xuntanza abordáronse as peticións e propostas de modificacións de liñas, frecuencias ou paradas feitas polos concellos que conforman a área. Neste sentido, a Xunta lembrou que algunhas das solicitudes xa se atenderon nos últimos meses, como a proposta trasladada polo concello de Carral de desviar a liña Entrexardíns – Santa María de Vigo ata Taramuño para dar servizo ao alumnado do IES David Buján.

Tamén relacionado cos centros de ensino, o Goberno galego implantou desde o 19 de maio a proposta feita polo concello de Oza – Cesuras de ampliar a liña que empregan escolares que se dirixen ao IES de Curtis. A Xunta comprometeuse ademais a ampliar ata o 7 de setembro o funcionamento da liña especial que conecta co parque acuático de Cerceda. Este servizo tan só viña funcionando nos meses de xullo e agosto e foi o Concello quen trasladou a solicitude de ampliar a tempada na que esta ruta está dispoñible.

Polo que respecta ás solicitudes do concello de Cambre, a Xunta considera viable o axuste da localización de paradas en dúas liñas para mellorar a fluidez da circulación.

Ao Concello de Oleiros trasladóuselle unha proposta para dar servizo á urbanización de Xaz, así como para o reforzo das conexións na tempada de verán ata a praia de Mera que facilitarán, nos vindeiros días, dúas idas e dúas voltas.

Para as solicitudes do concello de Carballo, a Xunta informou da disposición a incorporar paradas no polígono industrial de Bértoa en sete servizos de ida e volta que conectan coa Coruña.

En canto as peticións do Concello da Coruña, a Xunta lembrou a recente posta en marcha da comisión de coordinación entre a Xunta e o Concello da Coruña para colaborar na mellora dos servizos e na modernización tecnolóxica do transporte público e emprazou ao Concello a unha futura xuntanza para abordar as peticións relacionadas con os servizos á universidade e aos polígonos.

A maiores, a Xunta instou aos concellos a valorar as alternativas presentadas de cara a mellorar a oferta de servizos para a cidadanía na área da Coruña.

A directora xeral de Mobilidade trasladou que o Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo e cada ano fanse centos de modificacións para dar resposta ás cambiantes necesidades de mobilidade da sociedade galega. Neste sentido, a Xunta estudará as solicitudes dos concellos e avaliará a súa implantación seguindo criterios obxectivos e técnicos.

Na comisión de seguimento participaron representantes de todos os concellos que conforman a ATM da Coruña: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Carballo, A Laracha, Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Miño, Cerceda e Ordes. Estes municipios están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 444 liñas, que prestan servizo en máis de 7.700 paradas e nas que se ofrecen máis de 400.000 servizos ao ano en máis de 13,3 millóns de quilómetros de servizo.

Para financiar o convenio da ATM da Coruña, a Xunta realiza un investimento anual de 2,8 millóns de euros mentres que os concellos da área asumen os 625.000 euros restantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2025