A Xunta inviste máis de 160.000 euros na mellora da accesibilidade do CEIP de Prácticas López Ferreiro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP supervisa o resultado desta actuación, que inclúe a renovación do exterior e a instalación dun ascensor
Forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar e adaptar os centros ás necesidades actuais do ensino
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio de Prácticas López Ferreiro de Santiago para coñecer o resultado das obras de mellora da accesibilidade deste inmoble dos anos 50, cun investimento de máis de 160.000 euros. Estes traballos buscan “preservar a estrutura deste edificio deseñado polo arquitecto Moreno Barberá, pero adaptándoo as necesidades da actualidade”, sinalou Román Rodríguez.
Nesta liña, o representante do Goberno galego destacou que esta actuación “responde ao compromiso da Xunta por garantir espazos educativos seguros, sostibles e confortables”. De feito, estas obras enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Administración autonómica para modernizar e adaptar os centros escolares ás necesidades actuais do ensino.
Neste sentido, o titular de Educación remarcou que o verán é un “momento clave”, xa que cando remata o curso “queda moito por facer, como son as melloras nos centros e pequenas intervencións para ter os máis de 1.600 edificios no mellor estado posible para a volta ás aulas”.
As obras no CEIP López Ferreiro inclúen a mellora da accesibilidade exterior, coa creación dun itinerario continuo desde a rúa ata a entrada principal con ramplas e novo pavimento. Ademais, tamén se instalou un ascensor no núcleo central para garantir a accesibilidade entre todos os niveis do edificio e se renovou a impermeabilización da cuberta do vestíbulo, así como a renovación da carpintería exterior.
Deste xeito, a Consellería de Educación continúa a súa aposta por dotar os centros educativos de Galicia das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas. Con esta e todas as actuacións que ten despregadas polos máis de 1.600 edificios escolares da Comunidade, a Xunta reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.