A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o espazo da iniciativa Van polo Clima instalado no festival PortAmérica, en Portas

Ángeles Vázquez anima á mocidade a actuar de xeito respectuoso co medio ambiente e levar as prácticas sostibles ás súas actividades de lecer

A campaña Van polo Clima pon á disposición dos máis novos en festivais musicais e campamentos de verán información relacionada co clima, actividades de carácter lúdico e charlas inspiradoras por persoas de referencia neste eido 

A conselleira explica que esta iniciativa comezou con grande éxito no Son do Camiño, en Santiago de Compostela, coa participación de máis de 1.400 persoas

Esta actuación de sensibilización ambiental desenvolverase en 5 festivais musicais e en 15 campamentos de ocio e tempo libre

Portas (Pontevedra), 3 de xullo de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos máis novos a actuar de xeito respectuoso coa contorna e levar as prácticas sostibles ás súas actividades de lecer, como poden ser os festivais musicais ou os campamentos de verán.

Nesa liña, a conselleira visitou esta mañá a zona habilitada no festival PortAmérica para levar a cabo as actividades deseñadas no marco da iniciativa divulgativa Van polo Clima, que puxo en marcha este verán o Goberno galego co obxectivo de implicar á mocidade na loita contra o cambio climático poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema, actividades de carácter lúdico e distendido e charlas inspiradoras por persoas de referencia no eido do clima e da acción climática.

Así, no marco desta campaña de concienciación ambiental organízanse actividades lúdicas, participativas e informativas nun espazo con áreas de lecer, xogos e photocall, así como cunha furgoneta rotulada, que este verán se instalará nalgúns dos principais festivais e eventos musicais da Comunidade. De feito, segundo explicou Ángeles Vázquez, “o percorrido comezou con grande éxito o pasado mes no Son do Camiño, en Santiago de Compostela, coa participación de máis de 1.400 persoas”.

Durante a súa estadía no festival PortAmérica, que se celebra na localidade pontevedresa de Portas, os asistentes terán á súa disposición un espazo de lecer producido cun material innovador, creado en Galicia e procedente de cáscara de arroz, así como un xogo de preguntas e respostas sobre o clima. Ao longo deste verán, este programa de sensibilización e formación ambiental tamén visitará o Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), o Morriña Fest (A Coruña) e o Festival da Luz (Boimorto).

A maiores, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, esta actuación de sensibilización ambiental tamén se desenvolverá en 15 campamentos de ocio e tempo libre para achegar as prácticas sostibles á rapazada de entre 14 e 18 anos a través de charlas de divulgación, nas que se abordarán distintos conceptos climáticos e se reflexionará sobre os hábitos diarios e o coidado do medio ambiente, e actividades lúdicas en forma de xogos de preguntas e respostas para afondar nos coñecementos nesta materia.

A conselleira engadiu que este novo espazo itinerante busca darlle visibilidade ao concepto de moza e mozo polo clima para que os asistentes poidan identificarse con el e contribúan a mitigar os efectos do cambio climático adoptando unha posición activa en todos os aspectos da súa vida cotiá.

Ademais, servirá para promocionar entre o público ao que vai dirixido a primeira edición dos premios Mozo/a polo clima, que busca recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a algunhas das súas iniciativas, proxectos e ideas no eido social e empresarial, na investigación, na cultura ou na arte e que teñan algún tipo de impacto positivo no clima da Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2025