Medio Rural potencia os produtos galegos de calidade diferenciada no Festival PortAmérica
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural estivo no espazo Queixiviño, onde se pode degustar unha selección de viños e queixos premiados nas Catas de Galicia 2024, e na zona gastro de produtos galegos de calidade
Portas (Pontevedra), 3 de xullo de 2025
O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, estivo hoxe presente no espazo Queixiviño, un lugar singular dedicado á promoción dunha coidada selección de viños e queixos galegos premiados nas Catas de Galicia 2024. Ademais, tamén estivo presente na zona gastro, onde se poden degustar diversos produtos galegos de calidade. Ambos espazos forman parte do Festival PortAmérica, que se celebra no concello de Portas. Esta iniciativa representa un paso máis da Consellería do Medio Rural na defensa e promoción dos produtos galegos de calidade.
Con esta acción búscase achegar aos asistentes unha alternativa de alimentación saudable e sostible, fronte ao tradicional fast food presente neste tipo de eventos. Ao mesmo tempo preténdese poñer en valor algúns dos produtos fundamentais para a economía galega e para a dinamización do rural. Cómpre destacar que Galicia é, na actualidade, a terceira comunidade autónoma con maior número de Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de España, o que amosa a riqueza e diversidade do sector agroalimentario galego.
Como novidade nesta edición do festival, a Xunta habilitou tamén un espazo gastro de experiencias de calidade, no que se ofrecerán petiscos e pratos elaborados con produtos galegos amparados por selos de calidade diferenciada: Pataca galega, pementos de Herbón, lacón galego, Ternera gallega e outros. Este espazo conta tamén cunha zona de catas para unhas 20 persoas, onde se organizarán talleres comentados a cargo do presidente da Asociación Galega de Sumilleres, Juanjo Figueroa, e da experta catadora de queixos e integrante do Panel de Cata dos Queixos Galegos, Salomé Beiroa.
Así, PortAmérica segue a destacar pola súa combinación única de música e gastronomía, sendo un punto de encontro de chefs de renome internacional que colaboran co evento. A súa participación contribúe a dar visibilidade e valor aos produtos galegos de calidade diferenciada, reforzando a súa proxección tanto a nivel nacional como internacional.
Con esta presenza no festival, a Consellería do Medio Rural reafirma o seu compromiso co produto local, promovendo un consumo responsable, impulsando aos produtores galegos e consolidando a calidade diferenciada como eixo estratéxico do desenvolvemento rural.