A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita a rapazada participante neste campamento no Carballiño

Lara Meneses celebra a incorporación dunha experiencia de arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza na campaña de verán

A iniciativa ofrece 90 prazas no marco da programación estival Modo verán activo, que este ano desfrutan 11.630 rapaces e rapazas en toda Galicia

O Carballiño (Ourense), 4 de xullo de 2025

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe no Carballiño á rapazada do campamento de arte, danza urbana, tecnoloxía e natureza, unha das seis novas experiencias que a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorporou na campaña Modo Verán Activo. Alí, destacou “o gran momento que están a vivir e do que gardarán recordos, amizades e aprendizaxes para o longo da vida”.

Este campamento de verán que se celebra na Residencia de tempo libre do Carballiño divídese en dúas quendas, a primeira desde o día 2 de xullo e ata o día 9, e a segunda desde o 13 ata o 20 do mesmo mes, con 45 participantes entre 9 e 12 anos en cada unha. Así, congréganse nas dúas roldas un total de 90 nenos e nenas que participarán en actividades de educación non formal de carácter cultural para a súa diversión e o seu enriquecemento personal.

Con esta visita, a directora xeral de Xuventude, quixo saudar á cativada participante na primeira quenda duns campamentos que se estenden por toda Galicia, distribuídos en varios grupos ata setembro. Así, cómpre lembrar que este ano, baixo o lema Modo verán activo, ofertáronse nesta modalidade 7.877 prazas, sumando 105 para persoas con discapacidade (no albergue de Gandarío) e 306 prazas de intercambio noutras comunidades para nenos e nenas de 9 a 17 anos.

Trátase dunha cifra que está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta convocou na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campos de voluntariado, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos, os campos de voluntariado ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2025