A conselleira María José Gómez participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e no Consello Consultivo de Política Agrícola
Medio Rural defende ante o Ministerio de Agricultura unha maior dotación de fondos específicos para favorecer a remuda xeracional no agro
A Xunta leva tempo desenvolvendo ferramentas para fomentar a remuda no rural, entre as que destacan as axudas para incorporación de mozos ao agro, plans de mellora e a posta en marcha do Banco de explotacións
Na Conferencia tamén se aprobou o reparto vinculado á Intervención Sectorial Vitivinícola e á sanidade vexetal e animal, no que Galicia se sitúa como a cuarta comunidade que máis fondos recibe
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, defendeu este mediodía ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) unha maior dotación de fondos para favorecer a remuda xeracional no agro. Foi durante a súa participación, por videoconferencia, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, unha xuntanza na que estivo acompañada polo director xeral de PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.
Neste foro Gómez lembrou, no marco das accións desenvolvidas e propostas polo MAPA a prol da remuda xeracional, a idoneidade de contar cunha dotación de fondos específica dentro da Política Agraria Común para levar a cabo, desde as comunidades autónomas, máis medidas que camiñen neste mesmo obxectivo. Así, cómpre destacar que Galicia mantén un traballo de colaboración co Ministerio á hora de abordar esta cuestión e, do mesmo xeito, agárdase que a vindeira estratexia europea sobre este ámbito marque prioridades de cara aos próximos anos que se poidan replicar desde as comunidades.
Hai que salientar, neste sentido, que a Xunta leva tempo desenvolvendo ferramentas para fomentar a remuda xeracional no rural, entre as que destacan as axudas para incorporación de mozos ao agro e plans de mellora. Precisamente, a convocatoria destas achegas deste ano permanece aberta (ata finais de xullo) e conta cun orzamento de 36 millóns de euros. Os mozos interesados poderán acceder a axudas dun máximo de 320.000 euros para incorporarse ao agro e mellorar a súa explotación.
Banco de explotacións
Ademais, tamén se puxo en marcha o Banco de explotacións, como instrumento para poñer en contacto aos propietarios que deixan unha explotación e a cidadáns interesados en poñerse á fronte, ben sexan novos activos ou ben profesionais que xa están traballando. Esta ferramenta irá acompañada dunha liña de axudas de 2,1 millóns de euros no período 2025-2029 para favorecer a cesión destas explotacións.
Por outra banda, nesta Sectorial acordouse, entre outros asuntos, o reparto de fondos ás comunidades autónomas para a reestruturación e reconversión de viñedos e para investimentos no marco da Intervención Sectorial Vitivinícola 2024-2027, así como dos orzamentos destinados á prevención e loita contra pragas vexetais e dos programas estatais de erradicación de enfermidades animais. Consonte a esta distribución, a Galicia corresponderanlle algo máis do 6,5 % dos fondos totais para 2026 e 2027, sendo a cuarta autonomía que máis diñeiro recibe neste reparto.