A Xunta acepta a proposta de data do Concello de Vigo para celebrar o día 16 de xullo a sesión da Comisión de Infraestruturas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acepta a data proposta para este encontro, aínda que lamenta que a orde do día proposta polo Concello non respalda a vontade de chegar a acordos, senón a de manter unha política de confrontación

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025

A Xunta acepta a proposta da convocatoria da Comisión de Infraestruturas proposta polo Concello de Vigo para o día 16 deste mes de xullo para avanzar na planificación das actuacións dos túneles de Elduayen e Beiramar.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acepta esta proposta, cuxa comunicación oficial se recibiu hoxe ás 15 horas, despois de que o Concello xa a fixera pública aos medios de comunicación o pasado venres.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, modificará a súa axenda para poder acudir a esta cita tan importante para a cidade olívica, aínda que a Xunta lamenta que a orde do día proposta polo Concello non respalda a vontade de chegar a acordos, senón a seguir facendo unha política de confrontación, como demostra por exemplo o primeiro punto do día referente ao túnel de Elduayen, cuxo texto inclúe que está “paralizado na actualidade pola Xunta de Galicia”.

Na convocatoria figuran outras cuestións como a A-52 e o tren de alta velocidade por Cerdedo, asuntos que son competencia do Goberno central e sobre os que xa se posicionou o Executivo Galego.

Esta Comisión de Infraestruturas foi constituída o pasado ano entre a Administración autonómica e o Concello de Vigo, tras a reunión entre o presidente da Xunta Alfonso Rueda e o alcalde Abel Caballero, celebrada en xuño do 2024.

Data de actualización: 07/07/2025