A Xunta recibiu 11 ofertas para as obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no concello de San Cibrao das Viñas
A actuación, que foi licitada por 150.000 euros, consistirá nas obras de humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito
Pavimentarase o ámbito de actuación e tamén se dotará a zona de arborado, mobiliario urbano e novas luminarias
A intervención enmárcase no Plan Hurbe, co que o Goberno galego colabora cos concellos en actuacións de humanización de espazos públicos ou dotación de equipamentos
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025
A Xunta recibiu 11 ofertas para a execución das obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas, que foron licitadas por importe de 150.000€.
Esta actuación enmárcase no Plan Hurbe e consistirá nas obras de humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias.
Deste xeito, pavimentarase a praza, nalgunhas zonas con lastras de granito e noutras con formigón e entre as intervencións previstas, abordarase a demolición do muro e lavadoiro existente para a súa posterior reconstrución, así como actuacións de drenaxe completa no recinto. Ademais, habilitarase unha beirarrúa de 2m de ancho.
A reforma completarase coa colocación de dúas novas luminarias e dun cartel luminoso coa lenda “Fonteboa”, así como a habilitación de 4 alcorques con colocación de árbores, a instalación de seis bancos, papeleiras e xardineiras.
A través do convenio asinado ao abeiro do Plan Hurbe, a Xunta financiará o 70% do orzamento total e executará as obras, mentres que o Concello de San Cibrao das Viñas aportará o restante 30%. O prazo de execución das obras estímase en tres meses.
O citado Plan Hurbe ten como obxectivo colaborar cos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.