A campaña estival “Non esquezas doar antes de veranear” chega ao concello de Arteixo

A localidade acadou 1.626 doazóns de sangue en 2024, cunha taxa de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que representa a maior participación da comarca

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e a directora de ADOS, Marisa López, se achegarán ata unidade móbil de doazón de sangue este venres ás 13,30 horas para amosar o seu recoñecemento as persoas que doan sangue na localidade

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove no concello de Arteixo, a campaña de verán “Non esquezas doar antes de veranear”, que tenta sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue nos meses de verán co obxectivo de acadar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de doentes durante este período.

A unidade móbil de ADOS estará estacionada hoxe xoves día 10 na entrada da rúa peonil, desde as 16,00 ata as 21,00h para atender a todas as persoas que desexen doar. O venres día 11, no mesmo lugar, a unidade móbil estará dispoñible de 10,00 a 14,00h e de 16,00 a 21,00h. e o sábado día 12 o horario será de 10,00 a 15,00h.

Esta iniciativa desenvolverase en 220 concellos galegos nos meses de verán, a época de maior dificultade para acadar as 400 doazóns de sangue diarias que precisan os hospitais, polo que é necesario desenvolver iniciativas para sensibilizar e impulsar á participación da veciñanza.

Concello solidario

No pasado ano, Arteixo acadou 1.626 doazóns de sangue, cunha taxa de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que sitúa como o concello con maior participación da comarca, por encima da media da provincia (43/1000) e da media de Galicia (39/1000).

ADOS quere amosar o seu agradecemento pola colaboración do concello de Arteixo, e especialmente pola súa axuda e apoio no desenvolvemento desta campaña estival cuxo obxectivo é que os doadores habituais participen antes de desfrutar das súas vacacións, e mobilizar tamén ás persoas que coñecen a importancia deste xesto solidario, pero levan tempo sen doar sangue.

Facilidades para doar sangue

Para facilitar a participación nesta campaña, as unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue a cidades, vilas e parroquias de toda Galicia, dende o 13 de xuño ao 15 de setembro. Así mesmo, a campaña levará a cabo un intenso labor informativo, no que conta coa colaboración dos concellos, que achegarán información sobre a doazón de sangue ao tecido asociativo.

Hai que ter en conta que o sangue non se pode fabricar e soamente pódese obter grazas á doazón voluntaria das persoas. Os compoñentes do sangue que obtemos son vitais para atender a milleiros de doentes

Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese mais de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.

ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa.

Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS:

www.ados.sergas.gal

Tamén nas redes sociais:

Twitter: @doadoressangue

Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue

Instagram: @doadoressangue

Youtube: https://www.youtube.com/@doadoressangue

E no teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Data de actualización: 10/07/2025