Belén do Campo reúnese cos representantes da Asociación Bahía Ártabra con motivo do V centenario da expedición de Loaísa
A Coruña, 11 de xullo de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión cos representantes da Asociación Histórico-.Cultural Bahía Ártabra. No encontro coñeceu de primeira o traballo que están levando a cabo para conmemorar o V centenario da partida da expedición de Loaísa, que tivo lugar o 24 de xullo de 1525 desde o porto da Coruña.
Durante o encontro, os membros da entidade presentaron as actividades que se desenvolverán ao longo deste ano 2025 para lembrar esta relevante fazaña marítima, considerada unha das máis importantes da historia naval española, xa que buscaba abrir unha ruta cara ás Illas das Especias tras a primeira volta ao mundo de Magallanes e Elcano.
Belén do Campo destacou “o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor da historia marítima e do patrimonio cultural”, e felicitou á Asociación Bahía Ártabra polo seu labor de recuperación, divulgación e dinamización da memoria colectiva da cidade e da súa relación co mar.
A delegada amosou tamén o interese do Goberno galego por colaborar na difusión deste aniversario histórico, que supón unha oportunidade para reforzar a identidade local, promover o turismo cultural e educativo, e poñer en valor o papel da Coruña como porto estratéxico no século XVI.
A expedición de García Jofre de Loaísa, composta por sete naves e preto de 450 tripulantes, partiu da Coruña rumbo ao Pacífico para establecer presenza española nas Molucas. Entre os seus membros figuraban destacados navegantes como Juan Sebastián Elcano, que falecería durante a travesía. Tamén o 6 de agosto de 2026 conmemorase o falecemento no océano Pacífico de Juan Sebastián Elcano tras partir do porto coruñés.