A Consellería do Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios de calidade na XXI Feira Outrora

O director da Axencia Galega da Calidade, Martín Alemparte, asistiu a esta feira na que se organizaron varias actividades para poñer en valor produtos galegos como queixos, carne ou elaboracións artesás

Bóveda (Lugo), 14 de xullo de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á XXI edición da Feira Outrora de Bóveda, onde se promocionaron diferentes produtos agroalimentarios de calidade con catas e degustacións para os asistentes.

Dentro do programa de actividades de “Experiencias de Calidade”, promovido pola Consellería do Medio Rural, nesta feira celebráronse catas-degustacións dos queixos galegos con denominación de orixe protexida gañadores dos ouros nas Catas do Queixos de Galicia 2024, presentada por Salomé Beiroa, catadora de queixos e membro do panel de catas; pero tamén de produtos de Artesanía Alimentaria, coa participación de Chelo López, responsable de Gandaría Quintián; e do chef Marcos Arufe, do Espazo Gastronómico Remollo.

Ademais, ao longo da xornada celebráronse actividades coa carne de Ternera Gallega como protagonista, nas que se contou coa participación do director de promoción do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida e co chef Marcos Arufe.

Pola tarde pecharase a xornada cunha merenda elaborada con produtos de Artesanía Alimentaria na que estarán presentes Tamara Castro, responsable de Sacra Pan S.L., e Lourdes Pombo, responsable de Torta de Sarria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2025