A Xunta convoca as axudas para programas de incorporación social en vivendas destinadas a pacientes con drogodependencia estabilizados, dotadas con 253.000 euros
O Diario Oficial de Galicia publica as bases das subvencións destinadas a entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de inserción social e adaptación destes pacientes á vida cotiá
Financiaranse catro programas cunha achega máxima de 63.326 euros por programa, o que supón un incremento de máis de 8.200 euros con respecto ao pasado ano
Os usuarios das vivendas serán pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias que requiran dun programa de incorporación social con apoio residencial
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova orde de axudas por un importe de 253.000 euros para financiar programas de incorporación social en vivendas para pacientes drogodependentes en tratamento e seguimento en unidades asistenciais especializadas que estean estabilizados e que precisen apoio para a súa adaptación á vida cotiá e á consecución dunha vida autónoma.
As axudas que convoca a Consellería de Sanidade están destinadas ás entidades privadas sen ánimo de lucro que realicen programas de incorporación social e faciliten a adaptación destas persoas con dificultades á vida cotiá.
A actual rede de asistencia de drogodependencias do Servizo Galego de Saúde colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social.
Con esta nova orde de axudas a Xunta financiará catro programas de inserción social en vivendas e achegará un importe máximo de 63.326 euros por programa, o que supón un aumento de máis de 8.200 euros con respecto ao ano pasado.
As entidades solicitantes teñen un prazo dun mes para presentar as solicitudes.
O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, e adxudicaranse as axudas aos programas que obteñan as puntuacións máis altas.
Para tal efecto, constituirase unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos na propia orde, avaliará os proxectos solicitantes.
Contorna segura e estruturada
Os usuarios das vivendas serán pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias que requiran dun programa de incorporación social con apoio residencial.
O acceso a este recurso será voluntario e ofertarase de xeito prioritario cando non exista un apoio sociofamiliar axeitado ou concorran situacións de vulnerabilidade.
Estes pisos son espazos que ofrecen unha contorna segura e estruturada ás persoas que seguen un proceso de rehabilitación coa finalidade de procurar o apoio necesario cara á súa reintegración social, dotándoas dunha vivenda digna que cubra todas as necesidades básicas desde a que poidan realizar o seu tratamento contra as drogodependencias.
Esta liña de axudas busca facilitar a adaptación á vida cotiá mediante a residencia temporal nunha vivenda normalizada, con tutela de persoal técnico cualificado para facilitar a incorporación social e promover unha vida autónoma. As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias levarán a cabo programas dirixidos a este obxectivo.
O Plan de trastornos adictivos de Galicia ten como un dos seus obxectivos apoiar os procesos de integración social das persoas atendidas na rede de tratamento, acadando unha abordaxe integral das adiccións, coa inclusión de intervencións en materia de asistencia e incorporación social e accesibilidade aos servizos.