O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá unha explotación gandeira en Viana do Bolo

Manuel Pardo destaca os máis de 2 M€ da Xunta para o establecemento de 52 agricultores mozos na provincia de Ourense

Para o delegado territorial estas achegas teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización

Manuel Pardo destacou a nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de persoas mozas e ao desenvolvemento de pequenas explotacións contan cun orzamento global de 36 millóns de euros, e o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 28 de xullo

Ourense, 16 de xullo de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse, acompañado do alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, á explotación gandeira Arco da Vella que rexentan as irmáns  Marta e Susana Hervella, beneficiarias cada unha con 45.000 euros da axuda dirixida ao establecemento de agricultores mozos, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, continuando así as liñas de apoio ás explotacións agrarias iniciadas no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

O delegado territorial subliñou que na provincia de Ourense accederon a estas axudas  52 mozos, sumando un total de máis de 2M€; que teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios.

Durante a súa estadía na explotación, Manuel Pardo destacou a nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de persoas mozas e ao desenvolvemento de pequenas explotacións que contan cun orzamento global de 36 millóns de euros, e o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 28 de xullo.

Con ela búscase –segundo o delegado territorial- mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

O reparto do orzamento total de 36 millóns de euros farase do seguinte xeito: 30,5 millóns irán destinados ao establecemento de agricultores mozos e ao financiamento de investimentos destinados á modernización e mellora das explotacións agrarias. Con isto preténdese seguir fomentando a incorporación da mocidade ao medio rural galego, como é o caso destas irmáns de Viana do Bolo, que resultaron beneficiarias na convocatoria anterior desta liña.

A segunda liña de axudas está destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024, cunha dotación de 5,5 millóns de euros.

Para o establecemento de agricultores mozos, os posibles beneficiarios serán aqueles cunha idade entre 18 e 40 anos, ambos incluídos, e que non cumpra os 41 no ano natural da convocatoria. O solicitante tamén deberá presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas. O importe da axuda será de 30.000 euros, que poderá incrementarse ata os 70.000 euros segundo os criterios recollidos na correspondente orde.

No caso dos investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, o requisito para obter esta axuda é ser unha persoa moza que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2025