A Xunta participará nas ampliacións dos túneles de Beiramar e Elduayen en Vigo

Xunta e Concello de Vigo crearán unha comisión exclusiva sobre a ampliación do túnel de Beiramar, unha vez que o alcalde se comprometeu a solicitar a participación do Estado, de polo menos o 50% do investimento do proxecto

Respecto ao túnel de Elduayen, a Administración autonómica financiará o 38%, a mesma porcentaxe coa que participou no proxecto do túnel da Marina e do Parrote, na Coruña

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas lembroulle ao alcalde que a Xunta aínda está esperando polo Concello para asinar o convenio, xunto con Zona Franca, para o desenvolvemento do ámbito do PS1 da ETEA, que o Executivo galego foi quen de desbloquear despois de 20 anos de parálise

Vigo, 16 de xullo de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, participou está mañá en Vigo na Comisión de Infraestruturas da cidade, creada a raíz da reunión mantida o pasado mes de xuño de 2024 entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

A sesión tivo está mañá no Concello vigués e prolongouse durante dúas horas. Na comisión participaron, por parte da Consellería, M. Allegue xunto ao director da Axencia Galega de infraestruturas, Francisco Menéndez, e o director territorial da Consellería en Pontevedra, José Manuel González. Por parte do Consistorio participaron o alcalde, Abel Caballero, así como a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, a concelleira de Urbanismo, María José Caride e un técnico de Vías e Obras.

No que se refire ás obras de ampliación do túnel de Beiramar, a conselleira M. Allegue lembrou ao alcalde que este se comprometera a acadar financiamento do Estado, polo menos do 50% do importe do proxecto. Neste sentido, o alcalde comprometeuse a enviar unha carta ao Goberno central solicitando a participación económica do Estado na remodelación da fachada marítima, na que poderían participar, asegurou o rexedor, o Ministerio do ramo, Portos do Estado e ADIF.

No que se refire ao túnel de Elduayen, a Xunta mantén o seu compromiso para cofinanciar o proxecto na mesma porcentaxe, o 38%, coa que se financiou o túnel da Marina e do Parrote, na Coruña. Allegue subliñou que na reunión acordouse materializar esta participación a través dun convenio co Concello.

Neste sentido, o Concello de Vigo remitiu a semana pasada, o día 9 de xullo, a documentación requirida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que será estudada e analizada polos técnicos para poder continuar coa tramitación do proxecto.

Na reunión, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recriminou ao alcalde que a Xunta aínda está esperando polo Concello para asinar o convenio, xunto con Zona Franca, para o desenvolvemento do ámbito do PS1 da ETEA, que o Executivo galego foi quen de desbloquear despois de 20 anos de parálise. Neste sentido, o rexedor garantiu á conselleira que axilizará a tramitación.

Por último, M. Allegue expuxo ao alcalde a súa preocupación pola parálise do Goberno central respecto á “tan demandada saída sur de Vigo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2025