Medio Rural salienta a importancia da produción e da industria láctea no sector primario galego

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu hoxe á xornada O papel do Queixo galego, onde participou nunha mesa redonda sobre o desenvolvemento rural e os beneficios para o sector

José Balseiros sinalou que Galicia produce o 42 % do leite de España e que no ano 2024 a comunidade chegou a producir máis de 3,07 millóns de toneladas de leite

Explicou que Galicia conta con catro denominacións de orixe protexida de queixos, as DOP Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro, que contribúen a transformar o leite galego dentro da comunidade e a xerar valor engadido

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe á xornada O papel do Queixo galego, organizada por QdeQuesos e patrocinada pola Organización Interprofesional Láctea (Inlac). Alí, participou nunha mesa redonda sobre desenvolvemento rural e os beneficios para o sector, na que puxo en valor a importancia da produción e da industria láctea no sector primario galego.

José Balseiros sinalou que Galicia produce o 42 % do leite de España e que no ano 2024 a comunidade chegou a producir máis de 3,07 millóns de toneladas de leite. Salientou tamén que Galicia acumula o 56 % das explotacións lácteas de todo o país, uns datos que “avalan” o liderado da nosa comunidade autónoma neste eido.

Dentro da aposta do Goberno autonómico por impulsar a industria láctea galega, o director xeral lembrou que a Consellería do Medio Rural desenvolveu unha planificación específica, a Estratexia de dinamización do sector lácteo 2020-2025. A través desta estratexia leváronse a cabo medidas concretas como a posta en marcha da ferramenta Contaláctea, para facilitar o cálculo dos custes de produción das explotacións, ou o fomento da transformación do leite en Galicia para crear valor engadido.

Valor engadido

Balseiros resaltou que a nosa comunidade transforma xa máis do 70 % do leite que se produce, moi preto de acadar a meta do 75 % marcada na estratexia. Así, destacou a importancia da elaboración de produtos como o queixo para crear produtos de alto valor engadido.

Seguindo esta liña, explicou que Galicia conta con catro denominacións de orixe protexida de queixos, as DOP Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro, que forman parte dos 36 selos de calidade diferenciada cos que conta a nosa comunidade, e que contribúen a xerar valor engadido das materias primas producidas.

Apoio do Goberno autonómico ao sector primario

José Balseiros afirmou que o sector primario é unha prioridade para o Goberno autonómico e, por iso, só a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, convocáronse no ano 2024 preto dunha trintena de liñas de achegas cun investimento de 128 millóns de euros aprobados. Destacan as axudas para favorecer a incorporación de mozos ao agro e os plans de mellora. Desde o ano 2009 lévanse incorporado arredor de 5.000 mozos e mozas a través desta liña.

Así mesmo, o director xeral incidiu en que o medio rural galego é amplo e diverso. Así, ademais de liderar a produción de leite, destaca na produción de madeira, castaña ou kiwi. Galicia atópase ademais entre as tres primeiras comunidades produtoras de mazás, patacas, flores e carne, tanto de vacún como de ave.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025