A Xunta pon en valor a produción alimentaria de proximidade na presentación da campaña 'É bo que sexa de aquí' de Vegalsa-Eroski

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asistiron na localidade pontevedresa de Nigrán ao acto no que se deu a coñecer esta iniciativa de promoción dos produtos locais

Nigrán (Pontevedra), 17 de xullo de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, asistiron hoxe ao acto de presentación da campaña É bo que sexa de aquí, impulsada por Vegalsa-Eroski.

Neste contexto, Alemparte puxo en valor a importancia dos produtos agroalimentarios de proximidade, así como a filosofía de quilómetro 0. Ademais, dentro dos produtos de “aquí”, destacou aqueles que están amparados por un selo de calidade diferenciada a través de denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, Agricultura Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, xa que por medio dos selos que os identifican se garante a súa orixe e calidade, e para os que a Xunta fai promoción especial co fin de ampliar o seu coñecemento e fomentar o seu consumo.

O director da Axencia tamén valorou a colaboración público-privada neste ámbito, en especial a contribución de empresas de distribución como Vegalsa-Eroski, xa que favorecen a visualización e comercialización destes produtos así como o seu compromiso cos provedores “de aquí”.

Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica puxo en valor os produtos galegos de proximidade dado que achegan aos consumidores alimentos de alta calidade e sosteñen o tecido económico e social das nosas vilas costeiras. Mercar produtos de aquí é apostar polo noso mar, polas nosas xentes e por un modelo sustentable que respecta os recursos e garante o futuro das novas xeracións.

Tamén manifestou o compromiso da Consellería do Mar no apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro, na promoción da trazabilidade, a excelencia e a diferenciación dos nosos produtos, e abrir camiños de comercialización que reforcen a súa presenza tanto a nivel nacional como internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025