Arias participa en Lugo na xunta local de seguridade na que se formalizou o convenio para abrir os aparcamentos dos institutos

A Xunta rematará nos vindeiros días o acondicionamento destes espazos, coa sinalización das prazas e a instalación de barreiras nos accesos

Lugo, 18 de xullo de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade que se celebrou no Concello de Lugo e na que se formalizou o convenio de colaboración entre as Administracións autonómica e local que permitirá a apertura, fóra do horario lectivo, dos aparcamentos do IES Ollos Grandes e do IES Lucus Augusti -neste caso, unha vez rematen as obras de rehabilitación integral que o Goberno galego está a executar no centro-. Na xuntanza participaron tamén o alcalde, Miguel Fernández; a subdelegada do Goberno, María Isabel Rodríguez; e representantes das forzas e corpos de seguridade.

A sinatura deste convenio de colaboración, que a Xunta reclamaba dende o primeiro momento, permitirá abrir os aparcamentos coa seguridade xurídica necesaria, posibilitando que a Policía Local poida intervir nestes espazos de titularidade municipal para realizar accións en materia de tráfico e seguridade viaria.

Javier Arias explicou que o Goberno galego prevé rematar “nos vindeiros días” os traballos que está realizando para acondicionar os aparcamentos, coa sinalización das prazas, a colocación de cartelería e a instalación de barreiras nos accesos, “co fin de dotar de maior comodidade aos usuarios, habilitando a entrada e a saída ao aparcadoiro por lugares diferentes”.

A apertura dos aparcamentos dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti suporá unha mellora importante para a mobilidade en Lugo, paliando a necesidade de prazas para estacionar que se rexistra nesa zona da cidade. En total, entre os dous centros, poranse a disposición dos veciños e veciñas preto de 70 novas prazas que estarán a disposición dos veciños e veciñas durante as tardes dos días lectivos, nos días festivos e nas fins de semana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2025