Medio Rural pon en valor a IXP Tarta de Santiago cun acto de promoción na Estación Intermodal compostelá
A iniciativa ten como obxectivo destacar este produto de calidade e o patrimonio gastronómico galego, aproveitando a elevada afluencia de visitantes e peregrinos durante a semana do 25 de xullo, coincidindo coas festas do Apóstolo
Durante esta acción, que ten lugar hoxe e mañá, as persoas que se acheguen á estación terán a oportunidade de degustar a tarta certificada e de coñecer como identificar correctamente a amparada pola IXP
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou nun acto promocional da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tarta de Santiago celebrado na Estación Intermodal de Santiago de Compostela. No encontro tamén estiveron presentes o presidente da IXP, Joaquín Rodríguez, e varios elaboradores inscritos no selo, que acudiron para dar visibilidade ao produto.
A iniciativa ten como obxectivo poñer en valor o produto de calidade e o patrimonio gastronómico galego, aproveitando a elevada afluencia de visitantes e peregrinos durante a semana do 25 de xullo, coincidindo coas festas do Apóstolo.
A conselleira salientou que a calidade alimentaria “é unha prioridade” para o Goberno galego, como amosan as 38 experiencias de calidade impulsados pola Xunta. Recordou que Galicia é a terceira comunidade con máis selos recoñecidos, e que se seguirá traballando nesta liña, para que os nosos produtos con calidade diferenciada sigan representando a identidade e o valor de Galicia Calidade.
Esta acción promocional, que ten lugar hoxe e mañá, consiste na degustación de tarta certificada, que se pode comparar con outras elaboracións de tarta de améndoa sen selo. As persoas asistentes teñen a oportunidade non só de probar o produto con IXP, senón tamén de aprender a identificar correctamente a auténtica tarta certificada.
O distintivo IXP ten como finalidade protexer a elaboración tradicional deste produto fronte a outras receitas que engaden ingredientes alleos para facer a tarta máis económica ou con características distintas, como de conservación ou aroma. A versión certificada está vencellada á cidade de Santiago e identifícase pola cruz debuxada con azucre glasé. O consumo de Tarta de Santiago con IXP sitúase arredor das 95 toneladas anuais, o que supón máis de 135.700 tartas ao ano.