A Xunta investirá 1,8 M€ na compra dunha nova resonancia magnética móbil

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 28 de agosto para presentar as súas ofertas

O obxectivo das unidades de resonancia magnética móbil é reforzar a cobertura asistencial que desde o ano 2006 se está a proporcionar a este tipo de probas aos hospitais comarcais

Os equipos móbiles de resonancia magnética están dotados dunha resonancia de alto campo, o que permite ofrecer o mesmo nivel de calidade de exploración que os equipos fixos instalados nos hospitais

A Unidade de Diagnóstico por Imaxe suma un novo dispositivo aos 3 que xa posúe, que superan, cada un deles, as 7.600 resonancias anuais

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025

A Xunta publicou, no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación do subministro dunha resonancia magnética móbil para a Unidade de Diagnóstico por Imaxe do departamento sanitario galego.

Este novo dispositivo súmase aos tres que xa posúe actualmente a Consellería de Sanidade na súa Unidade de Diagnóstico por imaxe e que permite realizar resonancias magnéticas desde os hospitais comarcais e, puntualmente, desde outros centros hospitalarios da rede do Servizo Galego de Saúde.

Os equipos móbiles de resonancia magnética están dotados dunha resonancia de alto campo, o que permite ofrecer o mesmo nivel de calidade de exploración que os equipos fixos instalados nos hospitais, realizando todas as técnicas actuais dende as máis sinxelas ate as de máis alta complexidade, evitando desprazamentos dos pacientes.

Na actualidade, estas resonancias móbiles seguen unha rutas planificadas de forma coordinada cos hospitais comarcais, de modo que os centros dispoñen da resonancia durante unha permanencia proporcional ás súas respectivas demandas, posibilitando, no seu caso, cubrir as necesidades de calquera hospital do Servizo Galego de Saúde, cando exista un pico de demanda ou unha parada do equipo propio para proceder a algunha reparación.

A actividade anual destes equipos supera as 7.600 resonancias por cada un deles e, dada a crecente demanda, o Goberno galego considera que con esta contratación darase cobertura á mesma mediante a dispoñibilidade dun equipo de alta tecnoloxía móbil en calquera dos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025