O Servizo Galego de Saúde convoca concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo en diversas categorías de sistemas e tecnoloxías da información

Ofértanse 23 prazas nas categorías de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información

O prazo de inscrición remata o 15 de setembro

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025

No día de hoxe, publícase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do concurso-oposición para o ingreso nas categorías de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información. 

Ofértanse 23 prazas, das cales 5 corresponden á categoría de técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (2 pola quenda de acceso libre e 3 por promoción interna), 9 á categoría de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información (4 pola quenda de acceso libre e 5 por promoción interna) e 9 á categoría de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4 pola quenda de acceso libre e 5 por promoción interna). 

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE). O prazo de inscrición de participación no proceso comeza o 28 de xullo e remata o 15 de setembro de 2025. 

As persoas que participen neste proceso selectivo deberán posuír, na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e na toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución da convocatoria.

Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. 

As persoas aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas cos procesos selectivos ás Unidades de Validación, ás Oficinas de Información de cada Centro ou ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 24/07/2025