Activo un incendio forestal no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras
Decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo de poboación de Castelo
Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unha superficie de 12 hectáreas
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2024
A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras. Vén de decretarse a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Castelo.
O incendio iniciouse ás 15.45 horas de hoxe e segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie de 12 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 3 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 7 avións e 7 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.