A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, asinou hoxe coa alcaldesa Paula Fernández o convenio de colaboración

A Xunta colabora co concello de Silleda nas obras de mellora da Avenida do Parque

A actuación permitirá a remodelación integral da contorna desta arteria do casco urbano, coa modernización das infraestruturas, a creación de novos espazos públicos accesibles e a mellora da eficiencia dos servizos urbanos

O Goberno galego financia o 14% do orzamento, preto de 105.000€, mentres que o Concello de Silleda aportará o 6% e a Deputación de Pontevedra o 80% do investimento total previsto, que ascende a preto de 750.000€

Allegue subliña a actuación como “exemplo de colaboración entre administracións” e lembra o compromiso da Xunta para apoiar aos concellos en intervencións “para transformar o territorio, na procura dun urbanismo sostible e responsable”

A intervención prevista permitirá mellorar a accesibilidade, seguridade viaria e adecuación dos servizos públicos nesta avenida

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, o convenio de colaboración para a execución das obras de mellora da mobilidade peonil na avenida do Parque deste municipio. De acordo a este acordo, a Xunta financiará con case 105.000€ esta actuación, cuxo investimento total se eleva a preto de 750.0000€.

A intervención permitirá a transformación integral da contorna da avenida do Parque, coa modernización das infraestruturas, a creación de novos espazos públicos accesibles e a mellora da eficiencia dos servizos urbanos.

O Goberno galego contribuirá á financiación da actuación coa achega do 14% do orzamento, preto de 105.000€, mentres que e o Concello de Silleda aportará o 6% do investimento total previsto e a Deputación de Pontevedra achegará preto de 598.000€, equivalente ao 80% do investimento previsto.

A conselleira destacou este convenio como “exemplo de colaboración entre administracións” e lembrou que a Xunta está a apoiar actuacións como a prevista en Silleda “que contribúan a recuperar espazos públicos dos nosos concellos para transformar o territorio, na procura dun urbanismo sostible e responsable”. Allegue subliñou neste senso o proxecto a desenvolver na avenida do Parque, que permitirá humanizar espazos, mellorar a accesibilidade e acadar espazos máis seguros para a veciñanza, para a revitalización da contorna.

A intervención

A avenida do Parque é unha das principais arterias do casco urbano de Silleda e vertebra a mobilidade entre espazos clave do municipio, como a área comercial e hostaleira do centro urbano, xeradora de actividade económica e social, e diversas zonas residenciais e equipamentos públicos fundamentais, incluíndo o parque central, a igrexa parroquial e diferentes espazos culturais. Coa actuación prevista, mellorarase a accesibilidade, seguridade viaria e adecuaranse os servizos públicos.

O proxecto integra unha serie de intervencións, entre elas a humanización e mellora da accesibilidade; a modernización de infraestruturas subterráneas, incluíndo o soterramento do cableado eléctrico e de telecomunicacións, a renovación da rede de iluminación pública con luminarias LED; a creación dunha zona verde; a renovación da pavimentación con pedra natural ou a ampliación dos servizos culturais, coa apertura da igrexa parroquial cara á Rúa Santa Olaia, xerando un espazo aberto con escalinatas tipo auditorio para eventos culturais ao aire libre.

O proxecto enmárcase dentro das políticas municipais de transformación urbana sostible e accesible, aliñándose co Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Silleda, co Plan de Acción para a Axenda 2030 e co programa Cinto Verde, unha estratexia municipal que busca conectar todo o casco urbano a través de rúas humanizadas, accesibles e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2025