A directora xeral de Patrimonio Natural visitou esta mañá o centro de protección animal que ten a empresa no concello de Zas
A Xunta e XEA Galicia estudarán posibles liñas de colaboración para garantir o benestar e a protección dos animais de compañía
Marisol Díaz lembra que desde 2024 o Goberno galego ofrece axudas aos cidadáns para sufragar os primeiros gastos veterinarios e de identificación tras facerse cargo dun animal abandonado e anima aos responsables do refuxio a colaborar na súa difusión
Zas (A Coruña), 30 de xullo de 2025
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou esta mañá o centro de protección animal que ten en Zas a empresa XEA Galicia (Xestión Ética do Abandono), dedicada desde o ano 2008 á xestión dos abandonos de animais domésticos en máis dunha trintena de concellos da provincia da Coruña, onde desenvolve a súa actividade, e que ofrece tamén refuxio, coidados e asistencia profesional aos exemplares que rescata ata que atopen un novo fogar.
Tras facer un percorrido polas instalacións, que albergan actualmente preto de 500 exemplares, a directora xeral e os responsables da entidade acordaron estudar a futuro posibles vías de colaboración para avanzar no obxectivo común de garantir o benestar e a protección dos animais de compañía na Comunidade e avanzar cara ao abandono 0.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático activou o ano pasado unha orde de axudas pioneira en Galicia para apoiar ás persoas que acudan a un centro de acollida de animais autorizado coa intención de adoptar un animal. Estas achegas —cun importe de ata 150 euros no caso dos cans e de 125 euros no dos gatos— teñen como obxectivo cubrir os primeiros gastos asociados a este proceso, como a identificación con microchip, as vacinas ou o proceso de esterilización.
Por iso, a directora xeral puxo en valor o traballos dos refuxios e centros de acollida de animais domésticos en Galicia, tanto públicos como privados, non só polos coidados e a atención que prestan a estes animais senón polo seu labor á hora de buscarlles un novo fogar. Así, agradeceu neste sentido a súa colaboración na difusión das axudas da Xunta para o fomento das adopcións e abriu a porta a colaborar tamén con XEA nalgunha futura acción de sensibilización cidadá no eido da protección animal.